O Porriño | O Concello do Porriño converteuse hoxe nun espazo de memoria, recoñecemento e reivindicación coa celebración do acto central do 8M, organizado pola Concellería de Igualdade, no marco da campaña municipal “8M, 365 días”. Numerosos veciños e veciñas achegáronse ata o Concello para sumarse a esta homenaxe, que puxo en valor a loita histórica das mulleres e a importancia de seguir traballando pola igualdade real, non só cada 8 de marzo, senón todos os días do ano.
A xornada deu comezo ás 12:00 horas coa presentación do libro “Corpo Nómade”, de Tere Ríos Noya, recoñecido co Accésit do XVII Premio de Poesía Erótica Illa de Sisargas. A autora estivo acompañada dun recital poético con música de guitarra, creando un clima íntimo e reivindicativo que serviu de preludio á lectura do manifesto institucional.
Ás 12:15 horas chegou un dos momentos máis especiais da xornada: a lectura do Manifesto do 8M, que este ano correu a cargo de tres mulleres centenarias do Porriño, acompañadas por representantes da corporación municipal. Este xesto simbólico serviu para render homenaxe ás súas vidas, marcadas polo esforzo, a entrega e a loita cotiá, poñendo en valor a pegada que deixaron na vila e o exemplo que seguen representando para as novas xeracións.
Juana Da Cruz (Juaniña), costureira de referencia en toda a comarca, recoñecida pola súa habilidade para crear deseños innovadores nunha época na que ser muller e atreverse a innovar non era doado; Carmen González Rodríguez, veciña de Cans, que aos 97 anos acaba de publicar as súas memorias, converténdose nun referente de que nunca é tarde para compartir a súa propia historia; e María Dolores Quiroga (Lolita), mestra de vocación e de corazón, que contribuíu a educación de xeracións enteiras de porriñeses desde o Colexio Hermanos Quiroga. As súas palabras, cheas de emoción, sabedoría e dignidade, emocionaron ás persoas presentes e fixeron visible o legado silenciado de tantas mulleres ao longo da historia.
A concelleira de Educación e Igualdade, Carolina González Costas, destacou durante a súa intervención que “hoxe recordamos que a igualdade non é unha conquista definitiva, senón un camiño que debemos percorrer cada día, de xeito colectivo, dende as administracións, os colexios, as familias e a sociedade no seu conxunto.”
A continuación, a Concellería repartiu rosas moradas entre as mulleres asistentes como símbolo do seu papel fundamental na sociedade. O acto pechouse cunha vídeo reportaxe conmemorativa protagonizada por mulleres porriñesas de todas as idades e ámbitos: dende as concelleiras do goberno local ata deportistas, estudantes, empresarias e traballadoras da industria. Todas elas, coa súa voz e testemuñas, deixaron claro que o futuro do Porriño constrúese desde a igualdade e coas mulleres como protagonistas.
“As mulleres do Porriño somos quen de construír o noso futuro”, proclamouse no vídeo, que rematou cunha mensaxe clara: o 8M é unha cita imprescindible, pero a loita pola igualdade no Porriño escríbese todos os días do ano, nos colexios, nos centros de traballo, nos fogares e na rúa.
Antes de dar por finalizado o acto, o alcalde do Porriño, Manuel Alejandro Lorenzo Alonso, subliñou a importancia de visibilizar o papel fundamental das mulleres no desenvolvemento do municipio: “As mulleres do Porriño foron, son e serán clave no avance social, cultural e económico da nosa vila. Sen a súa achega, o Porriño non sería o que é hoxe”. Reafirmou tamén o seu compromiso co obxectivo de construír un Porriño máis igualitario e libre de violencia machista.
A emotiva xornada concluíu cun forte aplauso colectivo, símbolo da unión de todo un pobo decidido a seguir avanzando cara a unha sociedade máis igualitaria, máis xusta e libre de violencias.