Ponteareas | “Celebramos o Día Internacional da Muller, unha xornada para reivindicar a igualdade, a xustiza e o recoñecemento do talento feminino en todos os ámbitos da sociedade. E nesta ocasión, temos a honra de render homenaxe a dúas mulleres, dúas artistas que levan o seu talento alá onde estean e que nos enchen de orgullo: a nosa soprano e a nosa actriz, gañadoras esta semana polo seu traballo no mundo das webseries, Teresa Novoa e Cristina Maró”, con estas palabras introducía o acto de homenaxe ás mulleres a alcaldesa Nava Castro.
O sábado día 8, Día Internacional da Muller, o Concello de Ponteareas celebrou o acto “Mulleres nas Artes” no que recoñeceu os éxitos destas dúas mulleres ponteareás.
“A Teresa, quero agradecerlle por poñer voz á beleza, por demostrar que a música é unha ponte entre almas, por levar a esencia de Ponteareas a cada escenario e por non porse límites e explorar novos rexistros. A Cristina actriz, presentadora, artista, quero darlle as grazas por facernos pasar bos ratos, por darnos personaxes que nos fan rir, pensar. Unha muller emprendedora que se adentrou nunha nova faceta profesional, a de produtora e a de actriz, e que tamé deu oportunidade a outros catro ponteareáns que traballan na webserie E logo, quen foi? O mundo audiovisual e musical é un espazo competitivo, pero elas demostran que o talento e a perseveranza sempre atopan o seu lugar”.
As dúas artistas ponteareás veñen de acadar os primeiros premios da AGalega.gal, Cristina na categoría “webseries” con “E logo, quen foi?! e Teresa na categoría “Para desconectar” con “A Coral”.
Durante o acto, a alcaldesa reafirmou o seu compromiso coa igualdade. “Queremos que Ponteareas siga sendo un lugar onde a arte floreza, onde as mulleres teñan o recoñecemento que merecen e onde cada nena que soñe con cantar ou actuar saiba que si, é posible, que hai exemplos próximos que demostran que os soños poden cumprirse”.
Pero ademais o concello de Ponteareas celebrou o Día da Muller coa lectura dos microrrelatos gañadores dos concursos literarios, cunha campaña en redes sociais visibilizando as mulleres en distintos sectores e co reparto de cartelería e pegatinas para acceder á información da campaña.
O venres día 7 nas escaleiras da Casa do Concello os voceiros dalgúns dos grupos da Corporación deron lectura ao manifesto do 8M. Ademais, as gañadoras dos concursos de microrrelatos dirixidos a público infantil, xuvenil e adulto “Con tinta feminista” e “Historias de Igualdade” leron as súas propostas e recibiron un agasallo literario da man da concelleira de Benestar Social. Por outra banda, os comercios, cafeterías e lugares públicos de alta afluencia tanto no rural como no centro urbano difunden xa a campaña do Punto Violeta Virtual que se presentará mañá martes ás 18:00 horas no salón de plenos e contará coa presenza de representantes da Garda Civil, Policía Local e responsables de locais de lecer nocturno.
Ao Punto Violeta Virtual pode accederse a través duns códigos QR nos que as persoas atoparán información e teléfonos de contacto que poidan axudar ás vítimas de violencia ademais de recursos de apoio para mulleres. A concelleira de Benestar Social, Raquel Plana, salienta a importancia deste punto ao que se pode acceder os 365 días do ano a calquera hora e dende calquera dispositivo.
Os bombeiros celebran ao seu Patrón
“Hoxe homenaxeamos aos dezaseis bombeiros que forman parte do parque municipal de bombeiros con motivo do día do seu patrón. Un acto que nace para quedarse e coa intención de pór en valor o traballo diario destes profesionais”, así o explicou o 1º tenente de alcaldesa e concelleiro de Seguridade Cidadá, Juan Carlos González, na benvida do acto celebrado no salón de plenos o sábado 8 de marzo, Día de San Xoán de Deus, patrón dos bombeiros.
O parque de Ponteareas atende as emerxencias dos concellos do Condado Paradanta, colabora con actividades de formación en emerxencias nos centros educativos e no bo desenvolvemento de eventos organizados polo Concello.
En continua formación, os profesionais do parque de bombeiros de Ponteareas liderados polo seu xefe, Roberto Castro, asisten ao longo do ano a cursos para manterse actualizados e prestar un servizo máis efectivo e áxil. Esta formación servíulles no último mes para socorrer, xunto a dous compañeiros da Policía Local e unha enfermeira voluntaria, ao seu compañeiro Antonio durante unha intervención dun lume nunha vivenda do centro urbano.
Nesta primeira celebración institucional do día dos bombeiros a alcaldesa, Nava Castro, e o tenente de alcaldesa quixeron salientar e recoñecer o traballo destes dous Policías Locais, dos dous Bombeiros e da enfermeira voluntaria que salvaron a vida de Antonio practicando unha RCP.
“Reunímonos aquí para render homenaxe a quen, co seu esforzo diario, a súa valentía e a súa entrega inquebrantable, garanten a nosa seguridade e benestar. Os bombeiros sodes un piar fundamental da nosa comunidade”, sinalou a alcaldesa.
Pola súa banda González Carrera lembrou que o parque de bombeiros e Ponteareas é dos poucos de titularidade municipal sendo os demais comarcais e adiantou que seguirán apostando por melloras e apoios para este servizo “indispensable non só para Ponteareas tamén para o resto dos concellos do Condado Paradanta e incluso para moitos máis xa que cando é preciso asisten e axudan máis aló do seu territorio como así ten sucedido en distintos incendios e mesmo coa DANA desprazándose a Valencia para contribuír nas labores de limpeza”. O Concello reafirma que é a súa intención celebrar un acto institucional de recoñecemento cada ano coincidindo co día do seu patrón.
Concerto de clausura do XI Festival Converxencias Portugal-Galicia
O Auditorio Reveriano Soutullo acolle o sábado, día 15 de marzo, ás 20:00 horas, a clausura da XI edición das Converxencias Portugal-Galicia, co concerto Fusao Tradicional a cargo dos grupos Cantos D’ Aqui e Rusga de Sao Vicente, de Braga.
Os grupos Cantos D’ Aqui e Rusga de Sao Vicente, de Braga, referentes na música tradicional portuguesa, serán os encargados de achegarnos a cultura de Portugal, co obxectivo de estreitar os lazos culturais entre as comunidades galega e portuguesa, evidenciando a semellanza entre as dúas culturas. O concelleiro de Letras, Ricardo González, convida a toda a cidadanía a participar neste concerto que pecha todo un mes de programación composta por música, danza, teatro, cinema e literatura que dende o día 3 de febreiro se desenvolveu nas localidades de Braga, Padrón, A Estrada e Santiago de Compostela. Amancio Prada e Uxía ou artistas como Ricardo Ribeiro, Artur Caldeira, Isabel Rei Sanmartín, Ana Sofía Carvalheada, José Moças, Daniel Pereira Cristo, Óscar Ibáñez ou a Banda Municipal de A Estrada, son algunhas das voces e músicos que participaron nesta edición.
A Rusga de S. Vicente de Braga — Grupo Etnográfico do Baixo Miño é hoxe unha referencia cultural de prestixio para a cidade que a viu nacer. Como asociación estuda, salvagarda, difunde e promove o vasto patrimonio da cultura popular de tradición.
Máis dunha década reforzando os lazos coa lusofonía
Promovido polo grupo Canto D’Aquí e o Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho, pertencente á Rede de Centros de Estudos Galegos e Lectorados da Xunta, co apoio doutras institucións como a Fundación Rosalía de Castro, o obxectivo deste festival é dar cumprimento á Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía.