O viño galego deleitará na Feira ProWein de Düsseldorf

Os días 16 e 18 de marzo co apoio da Xunta de Galicia

Santiago de Compostela | Galicia terá unha presenza importante na feira comercial internacional de viños e licores ProWein, que se celebrará entre o vindeiro domingo, día 16, e o martes 18 deste mes de marzo na cidade alemá de Düsseldorf.

Así, a Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, acudirá cun posto propio, en colaboración cos consellos reguladores. Este certame está considerado como líder mundial no sector do viño e das bebidas espirituosas.

Ademais, a propia conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitará este evento sectorial para apoiar a presenza dos viños galegos representados. Estará acompañada por Martín Alemparte, director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, entidade da Xunta encargada de coordinar a presenza galega na feira.

O espazo institucional de Galicia acollerá un total de 20 adegas das distintas denominacións de orixe e indicacións xeográficas vitivinícolas galegas. As DO Valdeorras, Monterrei, Ribeiro e Ribeira Sacra participarán cun túnel do viño propio con referencias de cada denominación.

Ademais, o stand da nosa comunidade disporá dun túnel do viño, augardentes e licores coas referencias premiadas cos Acios nas Catas de Galicia 2024, onde poderán degustarse estas bebidas harmonizadas con outros produtos galegos de calidade diferenciada. Este espazo estará atendido polo sumiller Alejandro Paadín, que se encargará das explicacións técnicas aos profesionais que asistan á feira e entren en contacto coa oferta de Galicia.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.