Lucía Pérez será pregoeira da XLV Feira do Viño de Amandi en Sober

A cantante do Incio, Concello homenaxeado, ofrecerá un concertó o sábado 12 de abril

Sober | A cantante natural do Incio Lucía Pérez será este ano a pregoeira da XLV Feira do Viño de Amandi, que se vai celebrar os días 11, 12 e 13 de abril, coincidindo como é habitual coa fin de semana do Domingo de Ramos.

A moza da Terra Brava ofrecerá un concerto o sábado pola tarde e pronunciará o pregón o domingo ao mediodía.

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, explica a elección da pregoeira por tratarse “dunha das artistas máis queridas e recoñecidas da música galega” nun momento de madurez artística e cando vén de presentar o seu novo tema ‘Tanto’, no que fusiona diferentes influencias culturais.

En concreto, esta peza foi composta pola propia Lucía xunto co artista emerxente G-Face e producida por Juan Guevara. É, nas súas propias palabras, “un antoxo galego mexicano, un abrazo entre culturas”.

A cantante é ademais unha das artistas polas que o Concello de Sober ten optado en diferentes celebracións, como as Festas do Carme de setembro, nas que participou en máis dunha ocasión.

Traxectoria
Lucía Pérez leva máis de 20 anos de carreira, ten sete discos publicados e foi representante de España no Festival de Eurovisión e en Viña del Mar. É unha artista moi recoñecida en Galicia, así como a nivel nacional e internacional grazas aos numerosos concertos que ten realizado ao longo da súa carreira e á súa presenza destacada na televisión. Un rostro coñecido para todos os galegos e galegas e unha cantante próxima e moi querida polo público.

O Incio terá dobre protagonismo nesta edición da XVL Feira do Viño de Amandi, posto que, ademais de ser o lugar de nacemento da pregoeira, será o concello homenaxeado este ano.

O vindeiro sábado 15 de marzo darase a coñecer na capela de Portabrosmos a programación do Mes do Amandi, o programa completo de actividades da XLV Feira do Viño de Amandi e o cartel anunciador, obra de Rubén Lucas García. Na foto, Lucía Pérez, á esquerda, con Tina Gutiérrez, soprano asturiana.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.