Previsel 2025 ofrece formación especializada en seguridade laboral a través de 50 actividades

Trinta entidades presentan en Expourense produtos e servizos vencellados coa prevención

Ourense | Previsel cumpre a súa maioría de idade posicionada como a única cita en Galicia centrada en exclusiva na formación especializada en prevención e seguridade laboral impartida por expertos na materia. A 18ª edición deste salón celebrarase en Expourense os días 12 e 13 de marzo contando unha vez máis coa estreita colaboración de administración, patronal, sindicatos, colexios profesionais e servizos de intervención e emerxencias, aos que agora se suman distintos centros educativos de Formación profesional, que elaboraron un completo programa con máis de 50 actividades que teñen o obxectivo de insistir na necesidade de contar con formación en materia de seguridade e prevención de riscos ou de enfermidades promocionando ademais boas prácticas que garantan a saúde laboral dos traballadores e traballadoras.

A 18ª edición de Previsel foi presentada esta mañá en Expourense nun acto no que participou o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense e presidente do comité executivo de Expourense, Manuel Pardo; pola vicepresidenta da Deputación Provincial de Ourense, Marta Novoa; polo director do Centro Issga en Ourense, Ángel López; polo representante de TESGALICIA, Alberto García; e polo director xerente de Expourense, Rogelio Martínez.

Tanto os profesionais como o público xeral que asistan a Previsel atoparanse dúas áreas: exposición e xornadas técnicas. En total, esta cita contará cunha trintena de participantes procedentes de Galicia na súa meirande parte, aínda que nesta edición se incorporan como expositores empresas especializadas en seguridade laboral de fóra da nosa comunidade como Prevor ou “dulann”.

Esta última, especializada en sistemas de xestión para o cumprimento da Normativa EHSQ, participa por primeira vez e faino ademais como entidade colaboradora do evento. Tamén destaca a presenza en feira de asociacións e federacións sectoriais, sindicatos e servizos de prevención, seguridade e emerxencias. O horario de apertura do salón será o mércores 12 de marzo de 10.00 a 14.00 h. e de 16.00 a 19.00 h. e o xoves 13 de 10.00 a 14.00 h.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.