Portugal irá as súas terceiras eleccións en tres anos

Nova crise política trala caída do goberno de Luís Montenegro

Portugal | Non houbo moción de confianza para o goberno de Luís Montenegro (CDS) na sesión parlamentaria deste 11 de marzo con motivo da discusión sobre a Comisión de Investigación ao seu goberno. Tras ser retirada a confianza ao goberno de dereitas, o presidente Marcelo Rebelo de Sousa convocou ao Consello de Estado para adiantar unhas novas eleccións lexislativas con maio como mes clave. Serán as terceiras eleccións en tres anos en Portugal.

Os medios portugueses reflectiron esta situación como a “crónica dunha morte anunciada”. O editorial de Jornal de Notícias, “Passos Perdidos”, criticou que esta nova convocatoria electoral faise “contra a vontade de larga maioria dos eleitores, contra a vontade do presidente da República e contra a vontade dos principais agentes económicos” responsabilizando desta crise á “falta de um entendimento adulto entre PSD e PS”, particularmente os seus respectivos líderes Luís Montenegro e Pedro Nuno Santos.

Así, a actual situación ven “traduzida num lamentável ambiente de guerrilha que mergulhou o país numa crise política que, a julgar pelos vários golpes teatrais a que assistimos no hemiciclo, podia ter sido evitada”.

En Público, o columnista Manuel Carvalho analizou que “Montenegro fez do pragmatismo estratégia e do vazio ideológico programa. Funcionou um ano”.

“O Governo caiu em cámara lenta” foi a noticia principal na revista de análise e información Visão. En Expresso, o columnista Daniel Oliveira cualificou o espectáculo parlamentario como “Uma indecorosa garotada”, mentres Diário de Notícias titulaba “Morte anunciada do Governo teve algum ‘suspense’ mas nemhuma confiança”. Jornal de Negócios analizou que ante este escenario electoral o goberno de Montenegro “não perde todos os poderes, mas ficará bastante limitado”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.