O Porriño | O Concello do Porriño vén de presentar un novo proxecto co obxectivo de mitigar os efectos adversos do cambio climático e favorecer a adaptación da cidadanía aos novos escenarios ambientais. Son dúas as actuacións contempladas consistentes na adecuación de dous espazos públicos urbanos en zonas verdes con sombra, una delas na Avenida de Galicia e outra na rúa Ramón González, que abrangue a zona peonil do centro da vila.
Para elo instalaríanse un total de 16 grandes xardineiras equipadas con árbores autóctonas de gran porte entre as que se inclúen oliveiras de máis de 30 anos de antigüidade e outras especies vexetais (calibrachoa, salvias de tipo rosmarinus -romero rasteiro- e juníperos horizontais) con fins ornamentais e de mellora ambiental, proporcionando sombra para mitigar o efecto illa de calor urbana.
A ausencia de espazos naturais en contornas densamente urbanizadas supón un impacto directo na calidade de vida da poboación, xerando ambientes pouco saudables e limitando as posibilidades de lecer ao aire libre. “A creación de infraestruturas verdes como as que proxectamos non só melloran a calidade ambiental, senón que favorecen a conexión e a continuidade dos espazos, creando unha rede que impulsa a mobilidade sostible e a interacción social. Ademais, a dispoñibilidade de zonas verdes e elementos de sombra contribúe á regulación térmica, á mellora da calidade do aire, á redución da contaminación acústica e á xeración dunha contorna máis habitable”, explica o alcalde Alejandro Lorenzo.
Na rúa Ramón González instalaríanse unha decena de xardineiras de tres tipoloxías: tres de forma circular, de 2 metros de diámetro e 60 centímetros de altura; catro de forma elíptica, con eixes de 4 e 2 metros e altura de 70 cm, elaboradas en granito Rosa Porriño; todas elas terán integrados en todo o seu perímetro bancos para poder desfrutar da sombra das plantacións que nelas se leve a cabo; e outras tres grandes xardineiras con paredes curvas, de medidas exteriores 1,5 por 1,5 metros e altura de 1,60 metros. O custe desta actuación ascende a 128.214,83 euros.
De igual maneira, levarase a cabo unha intervención completa na Avenida de Galicia coa instalación de dúas xardineiras con medidas de 14,70 x 2,60 x 0,90 metros e outras catro de 10,40 x 2,20 x 0,90 metros, elaboradas tamén en granito Rosa Porriño e con bancos integrados. O orzamento deste proxecto é de 127.470,86 euros.
Ámbalas dúas sendas verdes quedarán interconectadas no Parque do Cristo, mellorando non só a conectividade ecolóxica entre diferentes espazos naturais urbanos, senón que tamén incentivará a mobilidade peonil e o uso do transporte non motorizado, reducindo a pegada de carbono na zona.
Impacto no medio ambiente e na calidade de vida da veciñanza
Para a posta en marcha destas obras, o Concello do Porriño vén de solicitar unha subvención dentro do programa Galicia Refuxio Climático para sufragar o seu custo. “A execución destes proxectos terá, sen dúbida, un impacto moi significativo no medio ambiente e na calidade de vida da veciñanza”, subliña a concelleira de Urbanismo e Medio Ambiente, Antía Carrera.
A fai referencia á mitigación do efecto illa de calor, pois “a creación de zonas verdes con sombra permitirá reducir a temperatura ambiental local, mellorando a calidade do aire e o confort térmico dos usuarios, o que contribuirá á prevención de riscos relacionados coas altas temperaturas estivais”; ao incremento da biodiversidade urbana, e “é que a plantación de especies vexetais autóctonas e adaptadas ao cambio climático incrementará a biodiversidade local, fomentando un ecosistema máis resiliente”; ao fomento da mobilidade sostible e á creación de espazos públicos saudables e inclusivos.
Liquidación de stock nos comercios
Unha vintena de postos comerciais instalaranse na zona peonil do Porriño ofrecendo os mellores prezos de fin de tempada dunha gran variedade de produtos. Morea, o Centro Comercial Aberto do Porriño, celebra a trixésimo primeira edición da súa Feira de Oportunidades “Merca na rúa” este venres 14 e o sábado 15 de marzo, en horario ininterrompido, de 10.00 a 21.00 horas.
“Animamos a toda a veciñanza e tamén a persoas doutros concellos a que se acheguen nestas dúas xornadas ao Porriño e se poidan beneficiar dos importantes descontos que nos ofrecen os nosos comerciantes”, sinala o alcalde Alejandro Lorenzo á vez que cualifica esta iniciativa, xa tradicional cada fin de verán e de inverno na vila Louro, “de gran impulso do comercio de proximidade, ao cal non deixaremos de apoiar e colaborar con el en actividades dinamizadoras como esta, unha cita bianual marcada xa no noso calendario festivo”. E é que esta Feira de Oportunidades leva sempre asociada unha programación de ocio para toda a familia. Así, polas tardes haberá obradoiros infantís, de 17.00 a 19.00 horas, e tamén inchables para a cativada, en horario de 16.00 a 19.30 horas e o sábado pola mañá de 11.00 a 14.00 horas.
A concelleira de Comercio, Rosa Isabel Alonso, destaca o “gran esforzo do comercio local e a implicación e posta en marcha de accións incentivadoras como esta, pois son dúas xornadas nas que, tradicionalmente, as vendas vense incrementadas, dando tamén saída ao stock de fin de tempada”. Na feira poderemos atopar unha gran diversidade de artigos con maior presenza de téxtil, dende moda para adulto e infantil, zapatería, complementos e mercería.
A feira está organizada pola Asociación de Comerciantes e Industriais do Porriño (Acipor) e conta un ano máis co apoio do Concello do Porriño e da Xunta de Galicia.