Pontevedra | O salón de actos do Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu hoxe a presentación da 16ª edición de Culturgal, que terá lugar do 1 ao 3 de decembro. Ao acto asistiron Víctor López, presidente de Culturgal; Natividad González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; Jacobo Sutil, director de Agadic; Marta Fernández Tapias, vicepresidenta da Deputación de Pontevedra; Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura do Concello de Pontevedra; e Camilo Franco, director de Culturgal.
Segundo comentou Víctor López, “a palabra que define esta edición de Culturgal é medrar”, servindo de escaparate para pór en contacto as culturas galegas cos públicos que xa están e “cos que teñen que vir”.
Natividad González destacou o papel da Feira para “dar a coñecer as propostas de máis actualidade do mundo da cultura”, que tamén supón unha oportunidade para a Deputación da Coruña para dar a coñecer as iniciativas desenvolvidas pola institución cos públicos, que son “os auténticos protagonistas”.
Pola súa banda, Jacobo Sutil puxo o énfase tamén nese labor de Culturgal de facer unha panorámica das producións do ano anterior e “anunciar moitos dos proxectos que van ter lugar no futuro”, destacando como o evento pon en valor “a todos aqueles que traballan día a día para poñelos en marcha”. Na mesma liña, Marta Fernández-Tapias insistiu na relevancia da Feira ao “amosar o músculo deste sector traballador, innovador e dinámico”, considerando fundamental a presenza da Deputación de Pontevedra nel porque “a través da cultura tamén se fai provincia”.