Ourense | Expourense acolle esta fin de semana a sétima edición de Antiq Auria, Feira Internacional de Antigüidades, que reunirá a 45 expositores procedentes de 4 países (España, Portugal, Suíza e Francia). Volve ser un evento organizado pola Asociación “Memoria Antiga” de Ourense coa colaboración do recinto feiral ourensán. O horario de apertura será o venres 6 de outubro de 16.00 a 21.00 h.; o sábado 7 10.30 a 14.00 e de 16.30 a 21.00 h. e o domingo 8 de 10.30 a 14.00 e de 16.30 a 20.30 h. A entrada ten un custo de 3 euros e é gratuíta para menores de 12 anos.
A 7ª edición de Antiq Auria foi presentada en Expourense nun acto no que participou o deputado Rosendo Fernández; a directora de Administración de Expourense, Cristina Álvarez, e os dous fundadores da Asociación memoria Antiga, José Antonio Ferreiro e Gerardo Román, quen afirmou que esta cita é na actualidade “a mellor feira de antigüidades de Galicia e unha das mellores do noroeste peninsular”.
Participan nesta feira expositores procedentes de varios puntos de España (Galicia, Asturias, Cantabria, Andalucía e Comunidade Valenciana) e Portugal e tamén expositores de Suíza e Francia. Sobre esta edición destacaron a presenza por primeira vez de expositores de referencia que participan nos mercados de antiguëdades máis importantes de Europa que son as celebradas no sur de Francia (Montpellier, Avignon e Beziers) xa que son as que maior número de anticuarios concentran.
O obxectivo de Antiq Auria, tal e como indican desde “Memoria Antiga”, é “poñer en valor o antigo e que a xente conserve e tómelle agarimo ás cousas vellas porque son parte da súa historia”. Ao mesmo tempo, queren promover o hábito de comprar antigüidades.
Antiq Auria propón unha viaxe ao pasado, desde o máis afastado (século XVIII e XIX) ata os xa afastados anos 1980 e 1990, mesmo. Miles de obxectos, de pequeno e gran formato, esperan unha nova vida na sétima edición de Antiq Auria. Esta cita conta cun alto índice de fidelidade por parte dos expositores (ao redor do 80% deles repiten) e volverá converterse en punto de encontro de nostálxicos presentando obxectos únicos e cheos de historia divididos en tres sectores: antigüidades, coleccionismo e vintage. No referente ás antigüidades propiamente ditas (obxecto con máis de 50 anos) como xoguetes, teléfonos, reloxos, mobles, xoias, utensilios de prata, porcelanas etc.
Na sección de coleccionismo de poderase atopar numismática, filatelia, obxectos militares e relixiosos, etc. Por último, esta cita conta tamén cunha área reservada para os afeccionados aos obxectos vintage (sec. XX), que se converteron nunha moda e nun referente á hora de decorar fogares ou negocios.
Desde esta entidade, liderada por José Antonio Ferreiro de Antigüidades Urbano e por Gerardo Román de Antigüidades A Quinta, destacan ademais que o mercado de antigüidades en Ourense é todo un referente nacional pola súa calidade e variedade e que hai moita tradición entre a cidadanía. Este é un dos motivos polos que estarán presentes nesta cita anticuarios de referencia da provincia e tamén do resto de Galicia. Ademais de punto de venda, Antiq Auria tamén ofrece a oportunidade aos visitantes de taxar e vender aqueles obxectos antigos que teñan nos seus fogares.
Poxa o domingo
Durante esta sétima edición repetirase a “gran poxa” que terá lugar o domingo 9 pola mañá a partir das 12.00 h. Cada expositor cederá un obxecto para poxar entre o público asistente e cada un deles terá un prezo de saída de 5 euros. “Trátase dunha boa oportunidade para facerse con pezas únicas a moi bo prezo”, explican os organizadores. Ademais, para premiar a fidelidade dos visitantes, sortearase entre todos eles unha antigüidades achegada polos organizadores.