O pasado 19 de setembro, a Xunta de Galicia organizou o congreso “Reforma do mapa municipal de Galicia” no que foi presentado o “Estudo sobre a planta local galega”, elaborado pola Fundación Juana de Vega en colaboración coas tres universidades galegas. Falamos co director desta Fundación, José Manuel Andrade, sobre os pormenores deste informe.
Vostede coordinou xunto coas tres universidades galegas o “Estudo sobre a planta local galega”. Cales son os obxectivos do mesmo?
O obxectivo deste traballo técnico e académico é analizar a situación da planta local galega no contexto español e europeo, os procesos de remodelación desta en Europa e as súas distintas dinámicas de evolución. Tamén avaliar desde diferentes perspectivas se a planta local galega, que data de mediados do século XIX, é valida no contexto actual e o impacto que poderían ter as fusións nas contas municipais. Outro dos fins do traballo é o de abrir un debate sobre a necesaria reforma da planta local galega que, ao meu xuízo, habería que abordar con altura de miras, valentía e perspectiva de país.
O estudo analiza sete casos hipotéticos de fusións de Concellos. Por que cre que son os máis significativos?
Non diría que son os máis significativos, son os que escollemos para a realización deste traballo porque responden a diferentes realidades: Concellos pequenos rurais do interior e da costa, Concellos turísticos, un Concello grande con outro da súa área de influencia, toda unha comarca, etc. En todo caso, convén sinalar que se trata dunha simulación que pretende calcular o impacto económico mínimo que derivaría dunha hipotética fusión deses Concellos, tendo en conta só o factor económico, pero sen entrar a analizar outros aspectos xeográficos, demográficos ou de opinión da cidadanía ao respecto das posibles fusións, que son fundamentais en calquera proceso desta natureza. Os datos económicos indican unha clara mellora do financiamento dos Concellos resultantes desa hipotética fusión e, por tanto, da súa capacidade de prestar servizos á cidadanía.
Galicia ten aproximadamente 2.700.000 habitantes divididos en 313 concellos. En termos demográficos e de desenvolvemento socioeconómico, considera viable manter a actual radiografía municipal ou, polo contrario, cre que é preciso cambiala?
Eu considero que a actual configuración non é viable a medio e longo prazo e a alternativa non pode ser a de non facer nada, é dicir deixar todo como está. Coa actual dinámica demográfica en moitas zonas do interior de Galicia moitos Concellos quedarán sen capacidade de prestar servizos á cidadanía ou os que presten serán a un custo moi alto, acentuándose, por tanto, o declive demográfico e comprometendo o dinamismo socioeconómico, sobre todo nos espazos rurais. Destacaría ademais que a propia cidadanía, a través da enquisa que realizamos a mil persoas no marco do traballo, considera que hai que actuar na remodelación da planta local galega.
A fusión dos Concellos é a única opción ou existen outras alternativas? Pensemos nas comarcas ou mancomunidades.
Neste traballo non só se estudan as fusións de Concellos senón tamén outras fórmulas de cooperación intermunicipal como son as mancomunidades, os consorcios e as áreas metropolitanas. As conclusións indican que estas non teñen funcionado axeitadamente, non renden contas, carecen da axeitada transparencia e os resultados destas outras fórmulas son moi limitados. A mellor opción, para min, e dígoo a título persoal, é o da fusión municipal e non estou falando aquí en nome dos autores do informe, que poden ter, ou teñen algúns, unha opinión diferente á miña.
“Neste traballo non só se estudan as fusións de Concellos senón tamén outras fórmulas de cooperación intermunicipal como son as mancomunidades, os consorcios e as áreas metropolitanas”
A nivel estatal, observa outros casos similares?
A nivel estatal, o único proceso de fusión recente é o dos Concellos de Don Benito e Villanueva de la Serena en Badaxoz. Contou co respaldo da cidadanía que votou a favor do proceso por ampla maioría, aínda que este quedou finalmente en suspenso -de momento- pola falta de acordo da cidadanía co novo nome proposto para o Concello resultante. Tamén tivo que ver, loxicamente, o cambio político que se produciu nas últimas eleccións municipais no Concello de Don Benito, cunha Alcaldesa contraria á fusión. Haberá que esperar a ver como evolucionan as cousas, pero penso que este proceso aínda non está morto. O que si pon de manifesto é unha cousa moi importante a ter en conta: a participación social, a transparencia e a información son clave para o éxito destes procesos.
Como entende que se debería presentar un cambio desta envergadura para que os poderes políticos locais non se sentisen agraviados?
Os poderes políticos locais deben ser conscientes da realidade na que vive o seu Concello e da súa capacidade para prestar, e seguir prestando no futuro, servizos de calidade aos seus veciños e das alternativas que teñen para mellorar, e a fusión é unha delas. Eu penso que o proceso debe abordarse con transparencia desde o principio, partindo de estudos previos rigorosos que teñan en conta a realidade socioeconómica e demográfica dos Concellos, as relacións funcionais entre eles, que avalíen o impacto económico que o proceso de fusión vai ter, e, sobre todo, facer partícipe desde o principio á cidadanía afectada de toda esta información con claridade e transparencia, que como xa dixen, é clave para o éxito do proceso.
“Gustaríame poñer en valor a aposta da Xunta de Galicia por impulsar estudos deste tipo, para abrir un debate serio sobre un tema que máis cedo ou tarde haberá que abordar”
Por que cre que este tema non se comenta entre os poderes e movementos políticos do Estado?
É unha cuestión que xera polémica, sentimentos encontrados, opinións moi diversas no conxunto da cidadanía e dentro incluso dos mesmos partidos. Creo que na política hai unha propensión xeneralizada a escapar ou evitar tomar decisións sobre cuestións que podendo axudar a transformar e mellorar realidades complexas, poden ter como efecto un custo político no curto prazo. Neste sentido gustaríame poñer en valor a aposta da Xunta de Galicia por impulsar estudos deste tipo, para abrir un debate serio sobre un tema que máis cedo ou tarde haberá que abordar.