O Porriño | Voluntarias da delegación da Asociación Española Contra o Cancro no Porriño mantiveron unha reunión co alcalde, Alejandro Lorenzo, co obxectivo de trasladarlle a actividade que a asociación leva a cabo no municipio e establecer novos lazos de colaboración entre ambas entidades.
Estiveron presentes Mari Carmen López Palacín, delegada da AECC no Porriño, voluntarias da entidade e Telmo Crespo, Coordinador Territorial da Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra, quen mostrou o seu agradecemento ao rexedor pola súa implicación coa causa.
Tal e como trasladaron ao alcalde, no pasado 2022 levaron a cabo un total de 315 intervencións no Porriño, dúas das cales foron do servizo de logopedia dirixido a pacientes con cancro de cabeza e pescozo, e 225 de atención psicolóxica a pacientes e familiares, 42 de traballo social e 46 acompañamentos do voluntariado a pacientes e familiares no Hospital Meixoeiro.
“A loita contra o cancro require do compromiso de todas e todos, empezando polo das administracións”, apuntou Lorenzo, “Por iso a AECC ten a nosa man tendida para facilitar e promover o seu labor no Porriño empezando por establecer, tal e como acordamos hoxe, acordos de colaboración entre ambas entidades”.
70 anos de experiencia na loita contra o cancro
A Asociación Española Contra o Cancro é a entidade de referencia na loita contra esta enfermidade dende hai 70 anos. Dedica os seus esforzos a mostrar a realidade do cancro en España, detectar áreas de mellora e poñer en marcha un proceso de transformación social que permita corrixilas para obter unha abordaxe integral e multidisciplinar.
No seu ADN está estar á beira das persoas polo que o seu traballo tamén se orienta a axudalas a previr o cancro, estar con elas e as súas familias durante todo o proceso da enfermidade e mellorar o seu futuro co impulso da investigación oncolóxica. Neste sentido, a través da súa Fundación Científica, aglutina a demanda social de investigación conta o cancro, financiando por concurso público programas de investigación científica oncolóxica de calidade. Hoxe en día, é a entidade social e privada que máis fondos destina a investigar o cancro: 104 millóns de euros en 565 proxectos, nos que participan máis de 1000 investigadores.
A AECC integra a pacientes, familiares, persoas voluntarias e profesionais que traballan unidos para previr, sensibilizar, acompañar ás persoas afectadas e financiar proxectos de investigación oncolóxica que permitirán un mellor diagnóstico e tratamento.
Estruturada en 52 sedes provinciais e presente en máis de 2.000 cidades españolas conta con case 30.000 persoas voluntarias, máis de 500.000 socios e case 1.000 profesionais. No ano 2021, a Asociación Española Contra o Cancro atendeu a 136.000 persoas afectadas pola enfermidade.
Parada de taxis estrea cabina telefónica
O Concello do Porriño instalou hoxe unha nova cabina telefónica na céntrica para de taxis da rúa Estación que permita atender en condicións as chamadas dos usuarios deste servizo.
Os profesionais porriñeses, preto de 20 nesta parada, reclamaban hai tempo unha solución á administración local ante o deterioro do anterior locutorio, que se atopaba en pésimas condicións.
No deseño da nova cabina apostouse pola posta en valor do noso buque insignia, o granito. Así, a instalación simula un bloque de Rosa Porriño extraído das canteiras (coñecidos como azucarillos ou cubos). Está realizada sobre unha estrutura metálica, con paredes interiores de chapa de panel sandwich e forrada e cuberta con granito Rosa Porriño.