Houbo un tempo, soviético neste caso, no que Moscova implicouse a fondo na política africana. Eran tempos de descolonización e de “guerra fría”. Co énfase na expansión do marxismo-leninismo, o Kremlin, xunto co seu aliado cubano, apoiaba aos movementos de liberación nacional dende Angola e Mozambique ata Cabo Verde. Milleiros de africanos estudaron en universidades soviéticas mentres a asistencia técnica e militar chegaba a estes países vía a URSS.
A Rusia post-soviética a penas tivo impacto en África pero a chegada de Putin ao poder en 2000 abriu outro capítulo para o Kremlin. En 2005, a posta en marcha dun BRICS ampliado con Sudáfrica outorgoulle outra dimensión á política africana de Rusia. Apostando polo mundo multipolar pero sen esquecer outros imperativos xeopolíticos. Os vemos dende fai anos coa presenza do grupo Wagner en países como Malí e a República Centroafricana, centros estratéxicos de operacións no control dos recursos naturais.
O interese ruso por África recobra calado xeopolítico a raíz da guerra na Ucraína. E ten impacto polas alianzas africanas que Moscova está acadando, con Sudáfrica como epicentro vía BRICS e diplomacia continental, na perspectiva de converter a Rusia nun benefactor económico para paliar os efectos do fame no continente africano vía exportacións alimenticias e fertilizantes, obstaculizadas polos combates militares en Ucraína e as dificultades de exportación vía portos como Mariúpol e Odessa.
“O interese ruso por África recobra calado xeopolítico a raíz da guerra na Ucraína”
O ‘redescubrimento’ de África por parte de Rusia é así unha consecuencia máis dos cambios xeopolíticos globais acaecidos nos derradeiros anos e, especialmente, coa guerra ucraína. Pero tamén reviste de sintonía política, con gobernos africanos transitando por camiños de “neoconservadurismo” en clave identitaria, facendo causa común co “modelo Putin” en Rusia. Con anterioridade, aliados rusos como China avanzaron con firmeza neste continente como socio económico e de cooperación a tal punto que nos medios occidentais chegouse a denominar un acrónimo: “ChinÁfrica“, mestura de visións contrapostas entre a aposta multipolar xeoeconómica e incluso dun novo tipo de colonialismo ‘á chinesa‘. Outros países tamén na órbita do eixe euroasiático sino-ruso como India, Turquía e Irán, tamén avanzaron as súas respectivas posicións xeopolíticas e económicas dentro do continente africano.
Esta implicación rusa en África ven a colación coa recente xira do ministro ruso de Exteriores, Serguéi Lavrov. Mentres as sancións occidentais acaban de chegar ás exportacións de diésel ruso, Moscova move as súas pezas cando en Occidente e Kiev agardan unha gran ofensiva militar rusa en Ucraína, incluso con ameazas ampliadas cara Moldavia. Toda vez, o goberno de Volodymir Zelenski vive a súa propia “guerra interna” vía ‘purgas’ de funcionarios acusados de corrupción, unha movida moi probablemente instrumentalizada dende Washington coa finalidade de garantir que a súa ‘flamante’ axuda militar a Ucraína sexa xestionada por “mans fiables”.
Pero a política africana de Putin ten tamén outro obxectivo: a ampliación dos BRICS e os beneficios que isto lle outorgaría a Moscova. Mentres Rusia comezou o subministro de fertilizantes e exportacións alimenticias cara África, o xefe da Secretaría da Asociación Rusia-África, Oleg Ózerov, asegurou que “varios países africanos ansían sumarse aos BRICS”. Este foro ‘resucitou’ con certa forza a carón da guerra ucraína e estase a converter nunha especie de ‘salvavidas’ económico para os esforzos do Kremlin por diversificar alianzas económicas e paliar as sancións occidentais.
A isto debe sumarse o retorno de Lula á presidencia de Brasil, aspecto que pode vertebrar un fortalecemento dos BRICS, da política africana de Brasilia (con énfase na lusofonía) pero tamén ante a posibilidade de observar en que medida a capacidade diplomática e mediadora de Lula pode levar a canais de negociación para finalizar unha guerra ucraína que se encamiña a recrudecerse. Por certo, Lula asegurou ao chanceler alemá Olaf Schölz que Brasil non apoiará as demandas do Comando Sur estadounidense de enviar armas a Ucraína.
“[África] abrirase agora, de par en par, ao abrazo do ‘oso ruso’ como fixo antes co ‘dragón chinés?”
Nestes tempos de presuntos “globos espía” chineses abatidos non espazo aéreo estadounidense, co perigoso caudal de tensión que isto implica para as sempre difíciles relacións entre Washington e Beijing (Taiwán), Rusia busca reposicionarse no taboleiro global. Sexa por oportunismo ou necesidade estratéxica, África emerxe agora como unha prioridade para o Kremlin. A pregunta é: este continente, tantas veces explotado e maniatado por Occidente, abrirase agora, de par en par, ao abrazo do ‘oso ruso’ como fixo antes co ‘dragón chinés?