Mos | A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira mosense Feli Rodríguez Carrera, reuníronse onte pola mañá con membros da directiva de Aemos na súa sede en Puxeiros. Entre eles o seu presidente, Manuel Castro, e o seu xerente, Francisco Domínguez.
Durante a xuntanza tratáronse e repasáronse os temas de principal importancia para o tecido empresarial mosense. Foi tamén o primeiro encontro oficial da directiva da Asociación con Rodríguez Carrera, nova concelleira de Economía e Industria.
Un dos principais temas abordados foi o acceso ao Parque Empresarial PEMOS-Veigadaña (en funcionamento desde 2012 e case ao 100% de ocupación, sendo un polígono clave para o sur de Pontevedra) desde a Autovía A-55. O polígono da Veigadaña, executado e xestionado pola Xunta a través de Xestur Galicia, conta na actualidade cunha conexión directa coa estrada N-550 e sitúase a menos de 1 quilómetro da autovía Vigo-O Porriño.
O obxectivo deste novo acceso é mellorar a competitividade do Polígono e das empresas existentes e futuras do polígono, ao dotalas dun acceso directo desde a autovía. Quedaría así totalmente conectado ás principais vías de comunicación, na súa parte oeste cara á A-55 e na súa parte este cara a a N-550 (conexión xa existente).
Tamén se abordaron durante a reunión outros asuntos de vital importancia, como a eliminación da peaxe da AP-9 no tramo Vigo-Porriño como solución inmediata á problemática da A-55 ao seu paso por Mos, onde rexistra máis accidentes, e complica o transporte de mercadorías coas evidentes consecuencias negativas para o empresariado.
Tamén se falou do futuro novo polígono empresarial de Arrufana, e da busca dunha solución urbanística para o Polígono do Rebullón, gravemente afectado polo un incendio; e para a problemática do canon das empresas do Polígono de Monte Faquiña.
E, por último, tratouse da promoción dun Centro de Negocios para o Parque Empresarial PEMOS-Veigadaña, que supoña un punto de encontro dentro do polígono, un nexo de unión, un centro neurálxico para diferentes usos.
Tanto Arévalo como Rodríguez coincidiron en destacar “que os empresarios e as súas empresas son o motor da economía galega e mosense, por iso temos que tenderlles a man e defender os seus intereses, como principal actor xerador de emprego e postos de traballo que son”.