O Goberno portugués e, en xeral, os axentes sociais e políticos do país irmán sonlles moi clariños. Queren rematar a conexión por alta velocidade ferroviaria (AV) Lisboa-Porto no 2030 e chegar neste mesmo ano á fronteira portuguesa se existir unha aposta española recíproca para a construción da saída sur de Vigo e dos 30 kms de camiño de ferro precisos para achegar o eixo atlântico galego até o Miño. Neste senso, refugan potenciar o centralismo peninsular madrileño priorizando o AVE Lisboa-Madrid.
O Goberno do Estado, os técnicos do Ministerio de Fomento e máis a presidenta de Madrid, Díaz Ayuso, coinciden en refugar as prioridades galegas e portuguesas, desenvolvendo o común proxecto dunha Península centralizada económicamente nun inviável e hipertrofiado Madrid.
O economista Joam López Facal ten salientado que a conurbación entre Ortegal e Ferrolterra coa contorna de Sétubal é unha das 40 principais do mundo, por poboación e tecido produtivo. Só a metrópole madrileña e o eixo Lyon-Barcelona-Valencia sonlle comparábeis en termos da península ibérica.
Velaí que facermos realidade o eixo ferroviário atlântico con Porto e Lisboa ha constituir, canda o corredor ferroviario europeo de mercadorias e a súa conexión cos nosos portos, o principal proxecto viario do noso País. Un proxecto que, porén, enfronta grandes inimigos e, xa que logo, requirirá dunha mesta rede de complicidades e acordos.
Canto aos inimigos haberíamos pensar que este proxecto non ten encaixe no proxecto centralista madrileño “España es Madrid; Madrid es España” que non só afirma Díaz Ayuso senón Pedro Sánchez e o deep state todo, entre eles os altos funcionarios da Administración do Estado e as grandes empresas mais vencelladas com esse proxecto.
“Canto aos inimigos haberíamos pensar que este proxecto non ten encaixe no proxecto centralista madrileño”
Canto aos acordos e complicidades haberíamos ollar con luces longas (galegas, peninsulares e europeas) e sinalar ás universidades galegas e portuguesas, ás forzas políticas e axentes sociais todas, aos gobernos locais das principais cidades e vilas canda a FEGAMP, as institucións europeas que miran polos proxectos transfronteirizos e a todos cantos axentes e organizacións opten polo pluricentrismo demográfico e económico que representa este eixo atlântico galego-portugués de dez millóns de persoas.
No capítulo dos aliados territoriais compre lembrar que este proxecto nin é inimigo do corredor mediterráneo nin da conexión por AV Lisboa-Faro-Huelva-Sevilla, que é a segunda prioridade portuguesa.
Velaí a importância da actitude do PSOE e PP de Andalucía na definitiva escolla socialista e popular nesta angueira, moito mais diante da frialdade de Núñez Feijóo e do alcalde Caballero a respecto deste proxecto.