Lugo | José Tomé Roca, presidente da Deputación de Lugo, supervisou este venres xunto con Óscar Puente, ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, as obras para a construción da nova estación ferroviaria de Lugo e nas que o Goberno de España inviste un total de 22,3 millóns de euros. O mandatario provincial valorou positivamente o anuncio que fixo o ministro de que os traballos da Intermodal estarán rematados en 2025 e sinalou que esta actuación transformará a mobilidade en Lugo.
“A Alta Velocidade chegará a Lugo no 2025”, subliñou Tomé Roca, quen sinalou ademais que na liña que conecta a provincia con Ourense poderanse acadar velocidades máximas de 250 quilómetros hora, o que permitirá conectar as cidades de Lugo e Ourense en menos de 45 minutos. “Esta actuación marcará, sen dúbida, un antes e un despois no transporte de viaxeiros”, apuntou e destacou tamén que o edificio vaia servir para conectar o barrio do Sagrado Corazón co centro urbano grazas ao paso inferior peonil deseñado no proxecto.
Os traballos, que comezaron en marzo deste ano, consistirán na construción do edificio e dun paso inferior cara as plataformas e para uso libre, a urbanización e o viario da contorna. Tal e como explicou o ministro, a nova estación permitirá ademais a intermodalidade tren-bus mediante unha pasarela peonil de case 10 metros de ancho, creando baixo ela un novo espazo de ocio para a cidadanía.
Detallou Óscar Puente que a nova estación ferroviaria contará cun paso inferior que será de dobre uso, unha parte de acceso exclusivo para viaxeiros e outra para a cidadanía, salvando a traza do ferrocarril entre o centro urbano da cidade e o parque do Sagrado Corazón. No que ten que ver coa urbanización, estará dotada cun carril bici e rampas integradas nun entorno verde.
Na visita a estas obras da Intermodal de Lugo participaron ademais os deputados provinciais Pablo Rivera Capón e Pilar García Porto; a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, e o director xeral de Construción de Adif, Juan Pablo Villanueva; entre outras autoridades.
Paula Alvarellos, alcaldesa
“En primeiro lugar gustaríame agradecer ao ministro esta visita. Sen dúbida a súa presenza hoxe aquí constata o seu interese polo proxecto da nova estación Intermodal, algo tan importante para o futuro de todas e todos os lucenses. Agradézolle que cumprise tan rápido co compromiso adquirido persoalmente comigo fai tan só hai unhas semanas de achegarse a nosa cidade para que puidésemos trasladarlle nosas principais demandas en materia de comunicacións”, indicou a alcaldesa.
“Tras sete anos de ostracismo, nos que o Goberno do PP gardou nun caixón todos os proxectos de mellora das comunicacións para a nosa cidade, grazas ao traballo do Goberno socialista, Lugo atópase de novo hoxe no mapa estatal en materia de infraestruturas. Proxectos como a electrificación dos tramos Coruña-Lugo e Lugo-Ourense ou esta estación Intermodal son investimentos reais e palpables”, proseguiu Alvarellos.
“Pero esta obra non só mellorará a nosa conectividade senón que transformará urbanísticamente a cidade posibilitando que As Gándaras e O Sacro Corazón conéctense a través de itinerarios peonís e zonas verdes co resto da cidade, permitindo así transformar esta zona en novos barrios puxantes. Algo que o ministro puido transmitirlle persoalmente aos representantes dos colectivos veciñais”, concluíu a rexedora. Na foto, Paula Alvarellos, José Tomé e Óscar Puente.