Ponteareas | A ANPA do CEIP Mestre Ramiro Sabell Mosquera en Ponteareas denuncia a falta de reparación do ascensor nas instalacións do colexio. Esta situación afecta gravemente aos alumnos con necesidades especiais, especialmente a aqueles que utilizan cadeiras de rodas, limitando o seu acceso a distintas dependencias do colexio.
Dende o pasado mes de marzo o ascensor está fóra de servizo, o que obrigou aos estudantes con mobilidade reducida a enfrontarse a grandes dificultades para asistir o comedor, así como para participar nas actividades escolares que se realizan en ditos espazos. Esta situación non só vulnera os seus dereitos a unha educación inclusiva e accesible, senón que tamén pon en risco a súa seguridade e benestar.
A pesar das reiteradas solicitudes e reclamacións ante a delegación territorial de educación da Xunta de Galicia en Pontevedra , ata a data non se recibiu unha resposta efectiva nin unha solución ao problema. É inaceptable que en pleno século XXI, nunha sociedade que promove a igualdade e a inclusión, os nosos alumnos se vexan privados das condicións necesarias para o seu desenvolvemento académico e persoal.
Facemos un chamamento urxente a Consellería de Educación da Xunta de Galicia para que tomen as medidas necesarias e reparen o ascensor de xeito inmediato. A educación inclusiva non pode esperar, e os nosos alumnos merecen un entorno accesible e seguro.