Cadernos da viaxe
A Autoestrada do Atlántico (AP-9) é unha vía fulcral para a vertebración deste noso país, pois que percorre 200 kms do eixo atlántico de Ferrol a Tui onde vive o 70% da nosa poboación. En varios treitos da mesma non existe alternativa acaída de balde, nomeadamente dende A Escravitude até Caldas de Reis e dende Pontevedra a Vigo. Os nosos transportistas, as demáis empresas e autónomos e as persoas consumidoras deste país pagamos 25 € dende Ferrol a Vigo (antes de xaneiro de 2020 era o duplo; ;a viaxe de volta gratuíta no día só está vixente dende o pacto de investidura de Sánchez en 2020 entre o BNG e o PSOE).
“A Autoestrada do Atlántico (AP-9) é unha vía fulcral para a vertebración deste noso país, pois que percorre 200 kms do eixo atlántico de Ferrol a Tui”
O que supón unha grande desavantaxe comparativa con outros territorios onde xa caducaron ou están a caducar algunhas concesións (Madrid, Catalunya ou o País Valencià), ou, como no caso das dúas Castelas e Andalucía, onde as súas cidades están unidas dende hai máis de trinta anos por autovías exentas de peaxe.
Nesta última semana o Congreso aprobou con máis do 90% do voto favorábel (só votou en contra o extremismo españolista de Vox) unha nova proposición de lei a proposta da unanimidade do Parlamento de Galicia reclamando a transferencia da autoestrada á Xunta de Galicia. É a cuarta vez que o noso Parlamento aproba por unanimidade do noso Parlamento. Das tres ocasións anteriores Rajoy vetou as dúas primeiras e a Mesa de PSOE e Podemos bloqueou o trámite da proposición de lei aprobada na anterior lexislatura até que decaeu coa disolución de maio de 2023. Velaí a aquelada proposta do voceiro do BNG no Congreso, Néstor Rego, para que a proposta galega sexa tramitada polo procedemento de urxencia. Un novo bloqueo no seu trámite pola maioría da Mesa (PSOE+Sumar) amosaría nidiamente o desprezo por Galicia do Goberno Sánchez.
Dous días despois aprobouse no mesmo Congreso unha moción do BNG cos votos a prol do PP, EH-Bildu, ERC e Sumar que propón a liberación das peaxes a medio do rescate da concesión. O PSOE abstívose, emendando a súa posición no Parlamento de Galicia, mentres o ministro socialista de Transportes Óscar Puente avaliaba sen dados rigorosos primeiro en 4000 M€ e. só un día despois!! en 6.000 M€ o prezo deste rescate concesional, que algúns expertos teñen avaliado entre 2500 e 2900 M€, non moi lonxe dos 2.300 M€ que o Estado destinará a subvencionar as peaxes até a fin da concesión, na primavera de 2048.
A outra posibilidade para a anulación da prórroga concesional (2023-2048) decretada na época do aznarato no 2000 (coa intención directa de incrementar o valor da empresa concesionaria cara á súa-daquela- inminente privatización) alicérzase no expediente de infracción aberto contra o Estado español pola Comisión Europea (CE) e que con moita probabilidade rematará con medidas coercitivas acordadas polo Tribunal de Xustiza da UE por proposta da propia CE que determinen a anulación desta prórroga por non respectar a previa concorrencia competitiva esixida pola Directiva europea de Servizos de 2006. Neste suposto non cumpriría aboar rescate, senón só compensación polos investimentos realizados pola concesionaria dende o comezo da nova prórroga, no 2023.Velaí a grande oportunidade que se abre.
Semella que Puente, como antes o ministro Blanco (PSOE) e a ministra Pastor (PP), están moito máis por defender os intereses da concesionaria que os das empresas e consumidoras galegas e non han aproveitar esta oportunidade tan senlleira. Mais tempo ao tempo ao inexorábel reloxo europeo.