Cualedro | A mediados do pasado século XX, o pai da Arqueoloxía galega Florentino López Cuevillas e o erudito Xesús Taboada Chivite, emprenderon unha prospección científica por terras de Cualedro e Monterrei. En 1954 ambos investigadores dirixirían unha escavación arqueolóxica no Castro de San Millao, poucos metros ao leste da vila fronteiriza da Xironda, no Concello de Cualedro.
“A mediados do pasado século XX, o pai da Arqueoloxía galega Florentino López Cuevillas e o erudito Xesús Taboada Chivite, emprenderon unha prospección científica por terras de Cualedro e Monterrei”
Naquela primeira intervención os estudosos descubriron diferentes estruturas de planta circular, rectangular ou oblonga. Todas elas enmarcadas dentro dun recinto a modo de barrio, moi comúns na área de influencia dos grandes oppida. Monumentais poboados fortificados de hai máis de dous mil anos dos que San Cibrán de Lás sería o seu exemplo máis coñecido ao albergar na actualidade o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa.
Sete décadas despois as ferramentas dos arqueólogos retornan ao mesmo lugar co obxectivo de recuperar do esquecemento aquelas pegadas dun mundo hoxe desaparecido. Preténdense acometer diferentes traballos de conservación e acondicionar o lugar para a visita e correcta interpretación dos valores históricos, estéticos e incluso simbólicos do espazo.
“A recuperación do noso patrimonio como motor de desenvolvemento local é un dos nosos obxectivos prioritarios dende hai case unha década. Coa colaboración da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural temos actuado xa na recuperación do Castro da Saceda, primeiro castro en ser declarado Ben de Interese Cultural en Ourense.
E agora pretendemos centrar os nosos esforzos tamén na recuperación deste importante monumento que xunto con outros espazos como a Mámoa do Madorriño ou a vila romana de Santa Marta de Lucenza converterán a Cualedro nun escenario ideal para comprender a evolución humana dende hai miles de anos”, afirma Luciano Rivero Cuquejo.
“Os traballos que se desenvolverán durante todo este mes de xuño están sendo dirixidos polo arqueólogo Martiño Xosé Vázquez e o restaurador Diego Iglesias Barrileiro”
Os traballos que se desenvolverán durante todo este mes de xuño están sendo dirixidos polo arqueólogo Martiño Xosé Vázquez e o restaurador Diego Iglesias Barrileiro, ambos técnicos especializados na Sociedade Cooperativa Xeitura.