Ponteareas | A concellería de Eventos, que dirixe a tenenta de alcalde Cristina Fernández, convida a toda a veciñanza a adornar os seus balcóns e ventás nesta semana de Corpus na que serán moitos os medios de comunicación que comezan a achegarse para recoller o ambiente da vila de maior tradición de arte floral.
Cristina Fernández adianta que nestes días visitarán Ponteareas distintos medios de comunicación motivo polo que anima á cidadanía a adornar os exteriores dos seus fogares, “debido ás circunstancias non poderemos amosar ao mundo as nosas tradicionais alfombras de flores pero si podemos seguir agasallándolles a nosa tradición dende as nosas fiestras e balcóns”.
Pola súa banda, os comercios de Ponteareas xa comezan a preparar os seus escaparates con motivos florais que renderán homenaxe a unha tradición que pervivíu durante séculos e que levou o nome da nosa vila por todo o mundo.
“A pesar de todo Ponteareas está na súa semana de Corpus e non debemos deixar no esquecemento a nosa arte efémera pola que tantos milleiros de visitantes agardan cada ano. Que mellor que comezar esta nova normalidade cheos de folgos e ganas de amosarlle ao mundo algo tan fermoso como as flores”.
A través das redes sociais de facebook do Concello de Ponteareas e de Cultura e Turismo Ponteareas iránse amosando as fotografías dos balcóns e ventás que a veciñanza e comercio vaian enviando ao enderezo electrónico departamentocultura@ponteareas.es ou ao número de teléfono 618 7056 35
Nas redes socias vídeos e fotografías xa nos recordan que esta semana Ponteareas rende homenaxe as súas alfombras florais e aos seus e súas alfombristas.
A concelleira Cristina Fernández quere lembrar que a través da canle de youtube do Concello poderán seguir en directo o acto de lectura do pregón que este ano é a cargo do escritor pontearéa Alfonso Pexegueiro e que terá lugar o sábado día 13 ás 21 horas. A continuación, presentarase a revista PREGÓN e todos e todas as telespectadoras gozarán do concerto de CLARISAX.
A continuación, a partir das 22 horas, farase un percorrido polas rúas engalanadas coa participación dun grupo musical de ruada acompañando á actriz Isabel Risco que se dirixirá aos espectadores online e animando á veciñanza a saír ao balcón e a participar na emisión en directo intervindo a través dun micro-pértiga.
Ao remate do percorrido polas rúas do Corpus cos balcóns e fachadas engalanadas, emitiranse vídeos de arquivos históricos das alfombras das últimas décadas.
Unha vez remate a emisión en directo, a programación estará dispoñible para que calquera persoa poida volver a visualizala.
O luns día 15, festivo local, celebrarase, con aforo limitado, a habitual homenaxe aos alfombristas falecidos, despositando un ramo de flores na escultura que os lembra.
As actividades programadas contan co apoio da Deputación de Pontevedra, mediante un convenio de 8.000 euros para a celebración do Corpus Christi, Festa Declarada de Interese Turístico Internacional.