Compostela | O alcalde lembrou que a Asociación de Municipios do Camiño de Santiago “é a única entidade vinculada á ruta xacobea que ten un perfil municipalista, e resulta moi interesante que os diferentes concellos poñan en común as súas necesidades e as súas demandas de cara ao Ano Santo de 2021”. Martiño Noriega expresou a vontade do Goberno de “participar activamente nesta asociación, e máis cando Santiago é membro permanente da súa Xunta Directiva”.
Mesa de municipios
O xerente da secretaría técnica da Asociación de Municipios do Camiño de Santiago, Víctor López, explicou que a entidade está preparando unha mesa de traballo que “estará formada por concellos e comunidades autónomas, e que terá como obxectivo definir as propostas de cada administración de cara ao Ano Santo de 2021”. Segundo apuntou, “a Asociación quere traballar conxuntamente para mellorar a acollida aos peregrinos, non só no seu porto de chegada que é Santiago, senón ao longo dos 1.000 quilómetros do Camiño Francés”.
Asociación de Municipios
A Asociación de Municipios do Camiño de Santiago constituíuse en 2015 con 20 concellos membros. O ano pasado, Santiago acolleu a súa terceira asemblea xeral, xa con 81 municipios asociados do total de 125 localidades polas que discorre o Camiño Francés. O obxectivo da Asociación é chegar aos 90 socios na III Asemblea Xeral, que se celebrar o 9 de novembro na localidade navarra de Estella-Lizarra.