A Asociación “Saúde e Terra” ansía “maior diálogo” entre a RAG e a AGLP

Mediante comunicado manifesta a súa "esperanza" ante a nova presidencia de Henrique Monteagudo ao fronte da RAG

Galicia | Saúde e Terra, como asociación defensora dos intereses nacionais da Galiza, quere manifestar a súa esperanza en que a nova presidencia de Henrique Monteagudo na Real Academia Galega traia novos ares para unha institución que debe estar en continuo diálogo co conxunto do galeguismo cultural e lingüístico do país.

Neste sentido, e como organización defensora na teoría e na sua práctica diaria do binormativismo, isto é da posibilidade do conxunto da cidadanía galega de usar o galego tanto na norma RAG como na súa norma internacional en todos os ámbitos sociais, xurídicos, administrativos, educativos… espera que esta presidencia inicie unha nova etapa de maior diálogo entre as dúas institucións lingüísticas máis importantes: a Real Academia Galega (RAG) e a Academia Galega da Língua Portuguesa (AGLP).

“(…) esta presidencia inicie unha nova etapa de maior diálogo entre as dúas institucións lingüísticas máis importantes: a Real Academia Galega (RAG) e a Academia Galega da Língua Portuguesa (AGLP)”

Entendemos que ese diálogo deberia acabar nuns acordos que vaian no camiño de alargar as liberdades lingüísticas e normativas para a sociedade galega, co fin de lograrmos unha sociedade máis democrática e inclusiva nun tema tan sensíbel a nivel persoal e identitario como é o da lingua galega.

Esquecermos o enfrontamento, a represión ou a marxinalización dos galegos e galegas por usaren unha ou outra normativa para o galego debe formar xa parte do pasado de unha forma definitiva. O contrario apenas servirá para aprofundarmos na terríbel crise que está a sofrer a nosa lingua nacional a nivel de uso e prestixio na sociedade galega. A unión fai a forza, e só desde as complicidades e os apoios mutuos entre os galego-falantes comprometidos coa lingua que usan unha ou outra normativa é que poderemos garantir as mil primaveras máis de que falaba Cunqueiro. Esa é a nosa esperanza. Que non se estrague máis unha vez a oportunidade de encontrármonos nun camiño común na defensa do noso tesouro máis prezado.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.