Ponteareas | En Outubro de 2015 presentamos un informe de mínimos para garantir unha vida digna a toda a cidadanía de Ponteareas, e especialmente para evitar situacións de emerxencia social que estanse dando agora mesmo, e que empurra a moitas familias da nosa asociación a vivir case no límite, ou na mesma pobreza.
Un bo exemplo de isto é unha das nosas unidades familiares de Ponte Solidario, que despois de máis de 6 anos vivindo nunha caseta prefabricada de chapa sen illamento (ou cartos para poñer a calefacción) e nun garaxe, conseguiu acceder a unha vivenda social ofrecida polo Concello, que hoxe, uns meses despois vese ameazada polo desafiuzamento por parte deste. O Concello pola súa parte, non lle ofrece alternativa, polo que en caso de rematar fora da vivenda quedaría sen un teito digno (e apto para as nosas condicións climatolóxicas) baixo o que vivir.
O triste do caso, e que esta é unha situación límite, pero non moi diferente a de outras familias da nosa ONG; foi por isto que redactamos o informe de mínimos (xa fai case 2 anos) e pedimos os partidos políticos que se “mollasen” e o apoiasen comprometéndose desta forma co pobo de Ponteareas garantindo un futuro mellor para todos. Evidentemente pese o seu aparentemente sólido compromiso (agás o PP que rexeitou firmalo informe) a día de hoxe a totalidade das propostas firmadas están paralizadas. A consecuencia directa de non por en marcha estas medidas xa é unha realidade tanxible en Ponteareas, deixando a moitas persoas nunha situación de desamparo absoluta que chegan diariamente a porta da nosa asociación en busca de axuda; como é o caso desta unidade familar que está apiques de quedar na rúa despois de 3 anos de diálogo co concello (anterior e novo goberno) para buscar solución a súa situación.
A falta de medidas que provocou esta clamante situación comezou dous anos antes, en outubro de 2013, cando chegou a asociación este expediente tan especial. Especial polo dramático da situación, a complexidade, a gravidade e a demostración de que vivimos nunha sociedade moito máis cruel do que podemos soportar. A situación desta unidade familiar da que falamos parte de vivir nunha caseta na que chovía dentro,sen aillamento, con paredes de 3mm de grosor (co que iso supón no inverno) nun lugar sen alumeado público e baixo ameazas de violencia de xénero (propiamente denunciadas e tramitadas, polo que tiñan constancia disto nos sistemas sociais públicos).
A situación desta unidade familiar da que falamos parte de vivir nunha caseta na que chovía dentro,sen aillamento, con paredes de 3mm de grosor (co que iso supón no inverno) nun lugar sen alumeado público e baixo ameazas de violencia de xénero
Coa chegada do goberno actual en maio de 2015, despois de 2 anos infrutuosos de negociacións co PP, intensificamos as nosas accións para atopar resposta as nosas demanda, xa que se comprometeran a facer da emerxencia social un punto forte e vital da súa política respaldando e firmando o informe de mínimos, onde con respecto a vivenda, propoñiamos a creación dun banco de vivendas públicas para familias con alto risco de quedar sen teito, e unha proposta de creación dunha partida presupostaria para alugueres sociais. Ambas medidas, de ter sido postas xa en marcha terían evitado o problema actual deste caso anteriormente citado.
Despois de numerosas reunións, e de moita insistencia en xaneiro de 2016 (sete meses despois!) “obrigamos” ao goberno a facilitar un piso de aluguer social a esta familia xa que levaba meses vivindo nun garaxe en condicións inadmisibles para calquera ser humano. Nese mesmo intre propuxemos levar a cabo unha actuación paralela en profundidade que permitise a esta unidade de convivencia abandonar a situación de exclusión social, e con elo, recuperar a autonomía para volver a contar de maneira independente cunha vivenda digna. Dende entón e ata agora non só non se tomaron novas medidas para isto (nin por parte de servizos sociais ou municipais) se non que o propio Concello deixou de pagar as facturas que se comprometeran a asumir o longo de estos meses os propietarios da vivenda, que están ameazando nos últimos meses en desafiuzar o expediente que alí vive.
Agora, despois de numerosas presións e ameazas por parte dos donos do piso, o goberno local e os Servizos Sociais queren obrigar a esta unidade familiar a volver vivir na caseta prefabricada inhabitable inicial, sen ofrecerlle outra alternativa a vivenda, denotando desta forma a falta de profesionalidade e empatía destes órganos.
Ponte Solidario non cree nas solucións individuais senón nas colectivas, mais as veces atopámonos con situacións transcendentais que precisan de actuacións excepcionais e que poñen de manifesto a falta de medidas no ámbito da política social para non chegar a estes extremos. O obxectivo neste caso concreto é darlle solución a esta unidade familiar para que non quede sen vivenda e recursos, pero a meta debe ser cumprir co Informe de Mínimos que este goberno apoiou e está a incumprir; con él daríamos solución a esta e a todas as problemáticas similares da nosa vila, e non estaríamos agora mesmo facendo público este problema se contásemos con axudas de alugueres sociais ou inmobles abandonados que formasen un banco de vivendas públicas como propuxemos no seu día.