A banda de Salceda con Pere Vicalet no Festival da Luz

Presentará o espectáculo na Praza do Concello este martes 20 ás 22:30

Salceda de Caselas | A Banda Cultural de Salceda segue a sorprender á súa afección con novos proxectos, e neste caso faino da man de Pere Vicalet, director, compositor e artista dixital, innovador na fusión da música e a tecnoloxía, co cal presentará un espectáculo conxunto o vindeiro domingo no festival da luz de Boimorto. O concerto fará un percorrido pola música da coñecida como “Ruta do Bacalao”, con arranxos para banda sinfónica de temas de sobra coñecidos por todos e todas.

A Banda quixo ofrecer previamente o espectáculo en Salceda, polo que mañá martes ás 22:30 se ofrecerá de xeito aberto e gratuíto na Praza do Concello para tódalas persoas que queiran achegarse.

Pere Vicalet conta cunha sólida formación académica na Academia “Franz Liszt” de Budapest e o Conservatorio Superior de Música de Valencia, ademais da Universidade Politécnica de Valencia e a Universidade de Valencia. Dirixiu máis de 50 agrupacións, entre as cales destacan concértoa Budapest SO, Donau Symphony Orchestra, a Orquestra e Banda da FSMCV, da cal foi director titular en 2017, a Banda Municipal de Castellón e de Almería, a Orquestra do Eixo Cafeteiro (Colombia) e a Nova Orquestra de Xeorxia. Ademais, tamén foi principal director convidado do ensemble Col Legno (2013-2017), realizando máis de 20 estreas de música actual e foi director titular do ensemble Vertex Contedora, especializado en música actual, con quen chegou a realizar concertos utilizando mandos da Wii como director.

Ademaais da súa carreira como director, Pere Vicalet é Catedrático de Tecnoloxía Musical no Conservatorio Superior de Música de Valencia (CSMV). Desenvolveu software educativo para a dirección musical e creou obras multidisciplinares que fusionan música, vídeo e arte dixital. Recentemente, foi nomeado aos Premios MAX das Artes Escénicas, ademais de estrear encargos nos festivais contemporáneos Rafel Festival, Mostra Sonora ou ENSEMS, xunto coa estrea da Orquestra e Coro de RTVE da súa obra Peak in Tanz para percusión e electrónica solista.

A Banda Cultural de Salceda presenta orgullosa este espectáculo conxunto, que se une a unha longa listaxe de concertos e proxectos compartidos con multitude de persoas e/ou colectivos. Nes ta ocasión, en palabras do seu director Juan Lois Diéguez “con esta iniciativa chegamos a un público diferente que normalmente non é seguidor das bnadas de música”.

Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda, agradeceu unha vez máis a enorme laboura cultural realizada pola Banda de Música ao longo de todo o ano, con numerosas iniciativas para tódolos públicos e para tódolos gustos, e con proxectos innovadores coma este, aproveitando para convidar a veciñanza e visitantes a gozar co espectáculo mañá martes na Praza do Concello”.