Ourense | A Biblioteca de UNED Ourense leva desde hoxe o nome de Biblioteca Xeración Perdida. Descubriuse a placa xunto ao acceso á biblioteca e mediante unha conferencia explicouse quen pertencen a esta xeración.
O director de UNED Ourense, doutor Jesús Manuel García Díaz, dixo que “no Consello de Dirección e no Claustro do noso Centro universitario manifestei o ano pasado que, con motivo, neste 2022, da celebración do 50 aniversario da nosa Universidade, era conveniente dar nome á Biblioteca de UNED Ourense”.
“Durante 30 anos de vida do noso centro, este importante espazo estivo sen un nome que o distinga entre as bibliotecas públicas existentes. Despois dun longo estudo no que se barallaron diversas propostas, chegamos á conclusión de que máis que escoller o nome dun só personaxe, resultaría mellor dedicala a cuantos todos ourensáns e ourensás por diversas razóns tiveron que desenvolver a súa carreira profesional (as súas capacidades artísticas, intelectuais, empresariais, industriais…) fose das nosas fronteiras ben pola emigración ben polo exilio. E aquelas que, polo pensamento único imposto na ditadura franquista, quedaron na nosa provincia e foron obxecto de represión, o que lles impediu desenvolver a súa creatividade”, engadiu García Díaz.
Prada Rodríguez
Unha vez descuberta a placa polo director de UNED Ourense, a atención centrouse na conferencia que ofreceu no salón de actos o doutor Julio Prada Rodríguez seguida por duascentas persoas. Prada é profesor titular de Historia Contemporánea, licenciado en Dereito e profesor titor do Centro Asociado á UNED en Ourense.
“Agradezo ao director a invitación para explicar esta xeración perdida, proposta que lle formulei e que se refire a miles de persoas, unhas anónimas, outras ben coñecidas que padeceron a represión. E aqueles que se refuxiaron no que se coñece como exilio interior, privados como sociedade do que puidesen desenvolver coas súas achegas no ámbito cultural, científico prol tamén social e económico”.
Prada Rodríguez indicou que xeración perdida é un termo que a moitos pode evocar cousas moi diferentes. “En realidade popularizouse para referirse a esa cohorte xeracional que alcanzou a maioría de idade no medio desa gran aldrabada para a conciencia de todos os pobos civilizados que representou a Primeira Guerra Mundial. Concretamente con este nome designáronse a moitos excombatientes e, en xeral, a grandes colectivos caracterizados pola desorientación, polo desconcerto e a confusión en que quedou sumida toda a sociedade europea como consecuencia da conflagración”.
Engadiu o profesor que “como xeración perdida tamén se coñece a un colectivo de escritores norteamericanos expatriados a París nos anos 20 do pasado século. A denominación que, ao parecer, débese á novelista norteamericana Gertrude Stein.
Con todo, débese a outro escritor xenial, Ernest Hemingway que, segundo conta nas súas memorias, ao parecer Gertrude Steiner escoitou a frase do dono dun taller quen, encolerizado porque o mecánico novo non podía reparar o coche de Stein con suficiente rapidez, gritoulle algo así como: ‘Todos vós sodes unha xeración perdida!’, en referencia precisamente a todos eses mozos que serviran na guerra.