O Porriño | No mundo das bibliotecas, o principal indicador de eficacia é o número de préstamos e o número de usuarios. Estes datos soen amosar a boa saúde, ou non, do servizo bibliotecario.
Nos últimos tempos estase a notar en España un descenso xeral destes indicadores, debido principalmente á competencia dos contidos dixitais e doutras formas de ocio por parte dos cidadáns. Esto obriga ás bibliotecas a buscar novos servizos para seguir xogando un papel destacado na sociedade.
Pero isto non parece afectar á multipremiada Biblioteca do Porriño, que ademais de ofrecer tamén novos servizos (como a recente inauguración da Sala de Estudo Municipal) e contidos dixitais (ebooks a través da plataforma GaliciaLe, películas na plataforma eFilm, implementación da nova app RBGalicia que inclúe o carné dixital…), leva anos encabezando o rankin galego de usuarios e número de préstamos por habitante. E as cifras seguen en contínuo ascenso, ano tras ano.
Con respecto ao número de préstamos, nos dous últimos anos incrementouse nun 25%, prestando unha media de 2374 exemplares ao mes, destacando meses como o pasado xaneiro onde se chegaron a prestar case 2700 exemplares. E con respecto ao 2006 anótase un espectacular incremento dun 17.222% no número de préstamos. A biblioteca porriñesa presta hoxe nun día case o mesmo que no 2006 prestaba durante todo un mes.
“Este éxito débese ao contínuo traballo por ofrecer unha colección actualizada, atractiva e viva, onde se prima o uso dos libros por riba da súa acumulación, onde se coida a xestión da colección basada nos datos e as persoas, e onde se concede gran importancia ás novidades e recomendacións de lectura, moi apreciadas polos usuarios”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, agradecendo o enorme labor que realiza o persoal da Biblioteca e o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, “O labor dos nosos bibliotecarios é encomiable e xunto co concelleiro Beni conforman ese equipo capaz de levar a nosa biblioteca ao máis alto”.
Con respecto ao número de usuarios, a biblioteca porriñesa ten rexistrados a día de hoxe un total de 9.224 persoas usuarias, é dicir, case o 50% da poboación censada no concello. Un incremento do 330% desde 2006 e unha cifra espectacular a nivel galego e español, que destaca aínda máis se sumamos o uso que fan da biblioteca porriñesa os cidadáns da contorna: un 30% do volume do servizo corresponde a cidadáns de Mos, Vigo, Ponteareas e Tui.