A Coruña | O Centro Sociocultural Ágora acollerá, desde este luns 9, a mostra ‘A Bretaña que hai en nós’, unha iniciativa impulsada pola Asociación Cultural Vagalumes co obxectivo de divulgar e concienciar sobre o coidado do patrimonio, e que chega ao Ágora grazas á implicación e colaboración conxunta entre a Asociación Veciñal da Agra do Orzán e o Concello.
A apertura desta exposición, que afonda nas conexións histórico-patrimoniais entre Galicia e a Bretaña, lévase a cabo co gallo do centenario do Seminario de Estudos Galegos, que no ano 1930 publicou a obra ‘As cruces de pedra na Bretaña’, de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, tras unha viaxe do propio Castelao e a súa muller, Virxinia Pereira, á antiga rexión de Armórica, no noroeste de Francia.
Na mostra do Ágora poderanse observar imaxes deste periplo de Castelao e Pereira, que abriu o camiño a un estudo histórico e descritivo do rianxeiro sobre os cruceiros da Bretaña e, ademais, supuxo o paso previo a outro traballo similar que Castelao preparou sobre os cruceiros existentes en territorio galego. A exposición estará aberta á cidadanía ata o 14 de novembro.
Ademais, e xa este martes 10 de outubro (19.30 horas), tamén haberá a posibilidade de disfrutar cun percorrido guiado pola mostra, dirixido por Xoán Carlos Garrido Couceiro, historiador e membro da Asociación Cultural Vagalumes.
O día 2 de novembro tamén terá lugar unha conferencia do arqueólogo Felipe Senén López, ‘As cruces das nacións celtas’. Será ás 19.00 horas, na Aula 9 do Ágora, con acceso libre ata completarse a capacidade prevista no recinto.
A posta en marcha desta mostra forma parte do amplo abano de iniciativas incluídas na programación do ‘Agra no Ágora’, con múltiples actividades culturais, deportivas e recreativas co Ágora como punto de encontro para a veciñanza do barrio.