Santiago de Compostela | O poeta galego Claudio Rodríguez Fer presentou a súa obra “A cabeleira (Poema traducido a 70 idiomas)”, publicada por Edicións Fervenza, este 29 de setembro, ás 18 h., no Centro Ramón Piñeiro (Rúa San Roque, 2, Santiago de Compostela), no marco dun gran recital multilingüe, de entrada libre, na véspera do Día Internacional da Tradución.
Escritor intercultural na teoría e na práctica, Claudio Rodríguez Fer realizou a primeira edición políglota de “A cabeleira” en 1995 contando con catro versións: o seu orixinal galego e as traducións do mesmo a castelán (por Olga Novo), ao inglés (por Diana Conchado) e ao francés (por María Lopo).
Mais as traducións foron aumentando por decenas en sucesivas edicións, que se foron presentando en recitais multilingües realizados nos lugares onde viviu e traballou o poeta (Galicia, Nova York, París e Bretaña), ata chegar agora aos 70 idiomas dos cinco continentes habitados da Terra (entre os que figuran, por exemplo, o romanés, o chinés, o swahili, o quechua e o rapanui, así como o internacional esperanto).
Trátase, pois, do texto galego máis traducido do mundo e o primeiro que o resulta a moitas das linguas asiáticas, africanas e amerindias incluídas no libro, como é o caso do groenlandés falado polos inuit ou o tamazight falado polos bérberes.
Ademais do autor, Claudio Rodríguez Fer, escritor e director da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela, presentarán a obra Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; Armando Requeixo, crítico literario, catedrático de Galego e secretario do Centro Ramón Piñeiro, e a autora do debuxo e do caligrama das cubertas, Carmen Blanco, escritora e profesora de Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela.
Tras esta presentación, o poema será recitado en diversas linguas polo autor e por algunhas das persoas que o traduciron (Olga Novo, María Lopo, Pepa Baamonde); por moitas máis con competencia nativa (Adina Ioana Vladu, Cristina Marchisio, Dolors Perarnau, Nieves Herrero, Larraitz Urruzola, Isabelle Kerdudo, Noriko Fukushima, Veronika Gergely, Ekaterina Yakovleva, Aleksandra Kaverina, Klaudia Warzycka, Anna Hozmanová, Karolina Nohynková) e por outras con competencia filolóxica en cada idioma (Cecilia Criado, Laura Lojo, Tania Vila, Francisco J. Fernández Campo, Amelia Pereiro, Irene Doval, José Virgilio García Trabazo e Cristina Fiaño).