Pontevedra | O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, avanzou este xoves a campaña turística de 2024 que Turismo Rías Baixas presentará o próximo mércores 24 ás 12.30 horas na Feira Internacional de Turismo (Fitur) e que levará por lema “100% Rías Baixas”.
Nun vestíbulo do Pazo provincial ambientado para a ocasión coa proxección da fervenza da Toxa na escalinata, Luis López presentou a todos os presentes —rexedores e concelleiros de toda a provincia, representantes do sector turístico e deputados provinciais— que a auga, como atractivo turístico, será a base da campaña.
“Na Deputación quixemos ser os mellores aliados do sector cunha campaña rompedora, desenfadada e enérxica orientada a un dos nosos mellores atractivos: a auga. Nun intre onde este recurso está no centro do debate, a nosa abundancia ten que ser unha vantaxe. Á auga debémoslle multitude de experiencias que fan que os que nos visitan vivan experiencias 100 % Rías Baixas”, afirmou o presidente da Deputación.
A provincia de Pontevedra terá unha presencia destacada en Fitur, sinalou Luis López. O programa inclúe unha degustación de té de camelia o xoves pola mañá e as presentacións de Trazas, a ruta arqueolóxica pola provincia, e da ruta de Ignacio Taverneiro, pola tarde.
Do mesmo xeito, haberá numerosos encontros para entablar vías de colaboración con outras deputacións e comunidades autónomas. Con todo, o acto central está previsto para o mércores 24 ás 12.30 horas. “A presentación regresará a onde nunca debeu marchar: o stand de Turismo de Galicia”, subliñou o mandatario provincial.
O acto comezou coa proxección dun breve trailer con imaxes dos recursos acuíferos da provincia e logo tomou a palabra a deputada de Turismo, Nava Castro, quen destacou a importancia do sector na economía da provincia. Tomou a remuda, Mar Rodríguez, presidenta da Asociación Provincial de Axencias de Viaxes de Pontevedra para remarcar a importancia de participar neste tipo de feiras e lanzar campañas como 100 % Rías Baixas para poder competir con destinos de todo o mundo.
Despois dun segundo teaser, que se proxectará integramente na presentación de Fitur e que deixou intrigados a todos os presentes, comezou o presidente Luis López o seu discurso citando catro titulares de prensa que “contan a historia dun éxito”. Reivindicou o mandatario provincial que a cidadanía da provincia nunca vira as Rías Baixas como un “destino paradisíaco”.
“Era a nosa casa, pero semellaba que o mellor sempre estaba fóra. Por iso o mérito de Rías Baixas é dobre: ao tempo que o mundo miraba cara este lugar, tamén descubrimos nós o privilexio de vivir aquí, de estar aquí e de ser de aquí”.
A sustentabilidade do destino foi outro dos aspectos que quixo destacar Luis López. “Hai moito tempo que o noso destino traballa nesa dirección. Mesmo antes de popularizarse o termo sustentable, Rías baixas xa o era.
Por iso, sementar dúbidas sobre a calidade dos produtos do mar, a excelencia das nosas costas ou sobre sectores que empregan a milleiros de persoas é de todo menos responsable. O noso destino é de todos, como de todos é o deber de velar pola súa boa imaxe”, defendeu.
Tamén puxo en valor o mandatario provincial o traballo realizado polos profesionais do sector turístico ao longo dos últimos anos e o seu compromiso por potenciar todavía máis o destino. “Vexo a un sector que traballa como se o impresionante 2023 fora só un paso previo cara un 2024 aínda mellor”, recoñeceu López, quen agradeceu a todo o sector por “dar o 100 % e facer que sexamos admirados e envexados en todo o mundo”.
Rías Baixas, finalista a mellor destino gastronómico para Viajar National Geographic
Foi o bo traballo do sector turístico e das institución o que logrou que o ano que acaba de rematar fora histórico: cun mes de agosto que bateu récords de ocupación, co camiño portugués pola costa medrando un 72 %, coas visitas aos castelos de Soutomaior e Sobroso rachando teitos ou cun Museo de Pontevedra rexistrando o número de visitantes máis alto desde o 2010.
“O turismo vai a máis e o seu empuxe fai que todos medremos con el”, exclamou o presidente da Deputación, quen revelou que as Rías Baixas están entre os cinco destinos nomeados por Viajar National Geographic para ser elixido mellor destino gastronómico de España.
Rematou Luis López o seu discurso cunha nova referencia ao lema da campaña. “Pisar a area branca da praia de Rodas, en Cíes, é 100% Rías Baixas, brindar cunha copa de albariño mentres se degustan a espectacular gastronomía da provincia é 100% Rías Baixas, quedar abraiado coa fervenza da Toxa, cun solpor en Baiona ou Sanxenxo, ou co impoñente que é o Castelo de Soutomaior é 100% Rías Baixas”, enumerou o dirixente.
Tamén quixo tamén dar as grazas a todo o sector turístico, aos rexedores da provincia, ao equipo de Turismo Rías Baixas, en especial á deputada Nava Castro e á xefa de servizo Ruth González, e ao conxunto da cidadanía da provincia por “erguer con orgullo a bandeira do que somos, porque somos 100 % Rías Baixas”, concluíu.