Santa Comba | A candidata á Secretaría Xeral do PSdeG provincial da Coruña, Noa Díaz, visitou hoxe unha explotación leiteira en Santa Comba, xunto ao voceiro de Gandería do Grupo Socialista, Martín Seco; ao voceiro municipal do PSdeG, Carlos Turnes; e outros representantes do partido.
Dende alí, a tamén deputada socialista trasladou o seu “apoio” ao sector lácteo e urxiu ao goberno galego a “tomar medidas” dentro das súas competencias “para atender aos problemas das e dos gandeiros”.
“A Xunta é parte do problema da industria gandeira cando renuncia a facer políticas que loiten contra o grave proceso de desindustrialización que está a vivir o noso país”, alertou Díaz, logo de manter unha xuntanza co propietario dunha explotación onde falou da “necesidade” de transformar o leite en produtos de maior valor engadido para subir os prezos.
Neste sentido, a candidata pediu ao goberno galego “que asuma que son goberno e axude ao desenvolvemento de actividades primarias no noso rural”, xa que, polo de agora, “está impasible” ante os problemas dun sector que está vendendo o leite a un prezo “moi reducido”.
Con todo, a socialista pediu o cumprimento da lei da cadea e contratos con prezos por enriba dos costes de produción, así como axuda para o autoconsumo.
“Galicia ten un peso na industria láctea que non é parello ao peso do sector produtor”, concluíu Díaz, quen lembrou que Galicia recibiu “inxentes cantidades de cartos” da Unión Europea, pero a Xunta, en vez de aproveitalo, “desmantelou totalmente os instrumentos de apoio aos sectores agrarios e produtivos”.