A Cañiza | Segundo comunicou o Alcalde Luis Piña, no Pleno extraordinario e urxente celebrado este 16 de xaneiro ás 16.30h, aprobouse por unanimidade de toda a Corporación o texto do novo Convenio de Condutas Aditivas para a creación desta Unidade e o desenvolvemento do proxecto de prevención de drogodependencia.
Un novo servizo de prestación agrupada e xestión compartida entre os Concellos da Cañiza, Arbo, Crecente e Melón que permitirá a posta en marcha desta nova unidade para os anos 2022-2025, xestionado dende o Concello da Cañiza como promotor.
Esta nova unidade de prevención de condutas aditivas ten un investimento de 51.800,39€ para os catro anos e está cofinanciada pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia a través da Orde do 21 de xullo de 2022, cunha axuda total de 42.476,32 € para os catro anos, distribuidos en 7.079,39 € para o ano 2022, 14.158,77 € para 2023, 14.158,77 € para 2024 e 7.079,39 € para o ano 2025.
Os 9.324,07 € restantes serán aportados polos Concellos en proporción a criterios de poboación.
Un importarte servizo que entra en funcionamento para encarar un dos maiores problemas da sociedade no ámbito da saúde e no ámbito social: o consumo e abuso de drogas coa agravante de que a idade de inicio do consumo segue sendo moi temperá, entre os 12-13 anos.
Os concellos da Cañiza, Arbo, Crecente, Melón non son alleos a esta problemática e tendo en conta que a poboación máis nova dos 4 municipios conflúe en espazos comúns, unha vez máis, adoptaron o acordo de colaborar para desenvolver as accións que permitan traballar na prevención das drogodependencias e na promoción da saúde.
Tamén se comprometen a cumprir cos obxectivos marcados polo Plan de Trastornos Aditivos de Galicia, co fin de reducir, na medida do posible, a problemática ocasionada polo consumo de drogas na Comunidade Autónoma.
Unidade de Prevención de Condutas Aditivas
O novo servizo contará cun profesional con titulación universitaria e formación específica en condutas aditivas. A unidade terá a súa sede no Concello da Cañiza, aínda que o técnica/o, se desprazará ao resto dos Concellos para atender o servizo. Entre as funcións da unidade están principalmente, a execución e avaliación dos programas de prevención de condutas aditivas, actuar como nexo de unión entre a Dirección Xeral de Saúde Pública e calquera entidade que teña relación coa prevención das condutas aditivas e atender e canalizar as demandas de información, asesoramento e formación sobre este tema.