A Cañiza | Esta mañá o Pleno do Concello aprobou o protocolo de Cooperación para a posta en marcha do proceso de creación da “Eurocidade do Miño”, quinta eurocidade da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Un amplo territorio, formado polo Val do Miño cunha identidade común, longa tradición de cooperación entre os Concellos e cunha mesma estratexia de futuro.
Unha colaboración que segundo se recolle na súa declaración constitucional “é un dos medios máis eficaces para a aproximación das poboacións fronteirizas; suprimindo as dificultades que implican todas as fronteiras, promocionando un maior achegamento institucional entre todos, fomentando o desenvolvemento económico, social, cultural, ambiental destas rexións, así como os servizos comúns que servirán como instrumento dinamizador da convivencia e o benestar da nosa veciñanza”.
Luis Piña explicou tras a celebración do Pleno que logo de ter aprobado o Protocolo e as directrices xurídicas establecidas por España e Portugal, o Acordo será remitido á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia para que informe e emita proposta dirixida ao Ministerio de Exteriores, Unión Europea e Cooperación do Goberno de España, para a súa validación por tratarse dun marco internacional.
Ao remate deste procedemento, dará lugar a constitución do Mandato que contará cunha directiva integrada por Presidente, Vicepresidente e órganos de dirección nas que os Alcaldes irán ocupando os cargos de xeito rotativo e por orden alfabético. No primeiro mandato da Eurocidade este orden rómpese para deixar ao Presidente da Cámara de Melgaço, Manoel Batista a 1ª presidencia. No caso da Cañiza, tócalle asumir á Presidencia no 3º mandato.