A Cañiza | O Concello da Cañiza finalizou os trámites municipais para recalificar os terreos que permitirán construír un aparcamento de 160 prazas na zona do Regueiro. O pleno deste 28 de marzo acordará a aprobación provisional do Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID) para a construción do aparcadoiro.
Así o anunciou o Alcalde Luis Piña quen tamén informou que a partires da aprobación provisional polo Pleno o seguinte trámite será o traslado do expediente á Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Xunta de Galicia, para a súa aprobación definitiva.
O pasado 11 de decembro de 2022 o Alcalde Luis Piña avanzaba que se iniciaba o proxecto de expropiación e recuperación paisaxística dun novo estacionamento no lugar denominado “Chan de Lourido”, unha zona arborada de máis de 9.000 m2 situada no lugar do Regueiro, na subida que conduce á Casa de Cultura.
Unha actuación que nace para dar resposta ás necesidades da veciñanza e dos visitantes de dotar ao núcleo urbano dun espazo máis amplo para aparcamento, sen comprometer outras actuacións de desenvolvemento urbanístico como será a urbanización e humanización da Rúa do Regueiro.
Recuperación paisaxística e vexetación autóctona
O Concello encargou a redacción do proxecto de construción que contempla crear unha zona de aparcamento entre vexetación autóctona, articulada en 4 plataformas que discorren na parcela salvando os desniveis, coa circulación dos vehículos e dos peóns entre as zonas verdes.
Contará con accesos dende as rúas Álvaro Cunqueiro e rúa Regueiro, con 160 prazas integradas nun espazo natural no que se estima a plantación de 200 árbores autóctonas, nun conxunto de superficies drenante, de fácil mantemento e durabilidade.