A Cañiza | A Corporación Municipal da Cañiza aprobou no Pleno celebrado onte pola mañá, en sesión extraordinaria e urxente, as alegacións que se presentaron tamén onte ante o Instituto Galego de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia, promotor da Modificación Puntual nº 2 do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia, que se atopa en fase de aprobación inicial.
Dende a publicación nos respectivos Diario Oficial de Galicia e Boletín Oficial de Pontevedra, os Concellos afectados poden presentar as alegacións que consideren oportunas se ven afectadas as necesidades e intereses municipais.
Por iso dende o Goberno da Cañiza, se someteu a aprobación do Pleno as alegacións a presentar ante o IGVS da Xunta de Galicia e que propoñen que nesta nova modificación do Plan Sectorial de Áreas Empresariais se atendan e teñan en consideración as necesidades de promoción empresarial tanto municipais como da Zona Franca de Vigo, e tamén poder así desenvolver este solo como un polígono empresarial, promovido pola Zona Franca de Vigo.
A proposta do Goberno Municipal analiza a perda de poboación dende hai dúas décadas, promovida pola caída do seu incipiente Polígono Industrial despois da crise do 2008 e a reconversión industrial cara a outro tipo de actividade empresarial. Nesta data empezou o declive deste polígono e consecuentemente o peche de case todas as fábricas, excepto alguhna empresa que ademais foi adquirindo as naves das empresas adxacentes a medida que desaparecían. A falta de emprego provocou a fuga de homes e mulleres cara a outras zonas con maior oferta.
Ao longo do mandato deste Goberno distintas empresas contactaron co concello interesadas en adquirir parcelas dispoñibles para establecer a súa actividade. Non foi posible atender a demanda de chan industrial porque todos os terreos están en mans de empresas privadas, como consecuencia dá crise inmobiliaria e económica que ven sufrindo dende o ano 2008, na que as mercantís se viron obrigadas a pechar a súa actividade, disolver os seus activos e as parcelas foron adquiridas mediante poxa por empresarios particulares, propietarios actuais de todo o chan industrial existente no municipio.
Este foi o caso da Sociedade Galega de Medio Ambiente que se interesou en mercar unha parcela no polígono industrial da Cañiza para establecer a súa nova planta na comarca, demanda que non se puido atender rematando esta planta no concello de Arbo.
O asentamento de poboación no interior de Galicia é clave para actuar sobre a Galicia verde baleirada. Fixar e manter poboación nun Concello e unha comarca históricos é un dos principais retos da gobernanza, segundo comunicou o seu Alcalde Luis Piña. “Para alcanzar este obxectivo necesitamos crear chan industrial e comercial, captar novas empresas e xerar novas oportunidades de negocio e de traballo”.
O Concello da Cañiza avanza nas alegacións presentadas, as liñas da situación económica actual, que pasa pola necesidade de dotar á localidade de chan empresarial e comercial e reivindicar a idoneidade xeográfica como punto loxístico, pola súa localización en canto ás vías de comunicación e por ser porta de entrada á PLISAN.
A Cañiza conta cunha estratéxica e inmellorable situación no que respecta ás vías de comunicación. É o nexo do sur de Galicia, está comunicada con Vigo, Ourense, Santiago, Madrid, por vías de alta capacidade que avalan á Cañiza para converter un futuro polígono, entre outros usos, en plataforma loxística para almacenaxe e transporte porque o Municipio é a antesala da PLISAN (Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra e As Neves). Ademáis a localidade está conectada coa Zona Franca de Vigo pola Autovía A-52 Rías Baixas a unha distancia menor de 60 km.
O Alcalde informou onte que “desde o Concello queremos propoñer a creación dunha lanzadeira pública de desenvolvemento empresarial e comercial, aproveitando o enorme potencial que temos en canto a situación estratéxica coa Autovía A52 Rías baixas, a menos de 500 m do centro urbano, con dous accesos directos que nos permite interconectar con todas as grandes urbes rápidamente e a creación dunha ferramenta que permita aproveitar este potencial.
Ademais, os recursos endóxenos propios, como o turismo activo, o paisaxismo e os recursos naturais da Cañiza darían sostén ao asentamento de diversos ramos empresariais que poderían desenvolverse en paralelo coa intención de captar o interese de empresas e por suposto mercado”.
Continúa o Alcalde manifestando que “o pasado 31 de outubro de 2022, o Concello asinou un Protocolo de Colaboración co Consorcio da Zona Franca de Vigo para a implantación dun Parque Empresarial a fin de habilitar unha grande área, con superficie estimada de 956.311 m², inmediata ao solo urbano, e tanxente á A-52, sendo o Consocio da Zona Franca de Vigo quen levaría a cabo a promoción de dito solo”. Unha importante noticia para o Concello da Cañiza.