A Cañiza | O pasado 25 de novembro o Pleno do Concello, en sesión ordinaria, aprobou o documento definitivo do PMUS do Concello da Cañiza, elaborado pola empresa Azteca Consulting de Ingeniería S.L. e adxudicado o pasado 16 de febreiro de 2021 por un importe de 6.125,94€.
O Plan servirá para adaptar A Cañiza ás novas directrices europeas basadas na planificación dunha mobilidade máis eficiente e un territorio máis atractivo para vivir e con maior calidade de vida.
Ademáis permitirá ao Concello acceder ás subvencións do Pacto Verde da Unión Europea: mellora de viais, interconexión de estradas, eliminación do tráfico pesado, humanización de espazos, construcción de sendas peonís e carrís bicis ou eliminación de barreiras arquitectónicas entre outras moitas actuacións.
O documento aborda cuestións tan importantes como os movementos de tráfico, as peonalizacións, as humanizacións, zonas onde se debe intervir para incrementar a seguridade viaria, entre outros aspectos.
Para elaborar o PMUS, a empresa Azteca Consulting de Ingeniería S.L., recopilou información e datos de todo o municipio co obxecto de avaliar a incidencia das redes de comunicación da contorna na mobilidade do espazo urbano. Neste sentido, o ámbito do PMUS da Cañiza tamén posúe unha dimensión comarcal.
Está destinado a mellorar a accesibilidade do casco urbano e proporcionar unha mobilidade de alta calidade. Será unha ferramenta de xestión municipal para organizar de xeito eficiente os distintos modos de transporte xerados no núcleo da Cañiza, fomentando os máis respetuosos co medio ambiente e racionalizando o uso dos vehículos.
O obxecto do plan é dispor dun instrumento de xestión que se traduza en accións encamiñadas a:
1. Recuperar o espazo público para a cidadanía coa finalidade de procurar unha maior calidade de vida dos cidadáns, incidindo na recuperación do uso multifuncional do espazo público e promovendo os modos de transporte non motorizados.
2. Favorecer unha accesibilidade aos servizos igualitaria e inclusiva, que tamén implique a atención ao transporte colectivo e acadar unha maior seguridade viaria, en especial para persoas maiores e poboación escolar.
3. Reducir o impacto ambiental do transporte e conseguir un mellor balance enerxético, mediante a redución do consumo enerxético baseado en combustibles fósiles, o apoio aos vehículos menos contaminantes e sensibilizando á poboación sobre os necesarios cambios da cultura da mobilidade baseada no automóbil.
4. Integrar o desenvolvemento urbanístico na estratexia do PMUS, facendo unha planificación municipal que permita unha perspectiva a longo prazo da mobilidade sustentable, promovendo un novo marco urbanístico que non favoreza o uso do automóbil e procure unha trama urbana máis compacta que dote de boa accesibilidade a equipamentos e dotacións.
Todos estes obxectivos son coherentes cos principios da “rede Ágora” de mobilidade, unha iniciativa promovida pola Deputación de Pontevedra, da que participa o Concello da Cañiza, baseada “nun modelo de intervención no que ás persoas son as protagonistas do desenvolvemento urbano”.