A Cañiza | O domingo 9 de xullo A Cañiza celebra a festividade na honra do Santísimo Cristo da Agonía cunha Misa Solemne, oficiada a partires das 11.30h na Igrexa Parroquial de Santa Teresa da Cañiza, cantada pola Coral Polifónica da Cañiza.
Ao rematar o acto litúrxico, comezará a Procesión Solemne do Santísimo e da Virxe dos Dolores, que este ano volverá a contar coa participación da Asociación Cultural Santo Cristo da Agonía e dos seus 86 costaleiros e costaleiras, portadores dos dous Tronos Procesionais.
Tamén neste 2023 a Procesión volverá a estar acompañada e custodiada pola Banda de Música da BRILAT de Pontevedra “Galicia VII”, que ademáis ofrecerá un pasarrúas ás 11h00 da mañá, facendo unha parada especial na Residencia Xeriátrica Santa Teresa da Cañiza, na rúa Castelao. Nos actos litúrxicos estará presente a Corporación Municipal do Concello da Cañiza, presidida polo Alcalde Luis Piña, tal e como se establece no Regulamento de Protocolo e Ceremonial do Concello.
A festividade conta tamén cun cartel lúdico, organizado pola Comisión de Festas do Santo Cristo, con tres días de actuacións: 7, 8 e 9 de xullo. As verbenas comezan o venres coa actuación da orquestra Costa Verde e Disco Móbil, a partires das 22.30h. O sábado 8 de xullo actuarán as orquestras Capitol e América S.l. e o cartel se pecha o domingo cunha verbena amenizada por un grupo musical.
Os oficios relixiosos da Parroquia de Santa Teresa da Cañiza, contan coa participación da Asociación Cultural Santo Cristo da Cañiza e do Concello da Cañiza que sufraga os gastos da Banda de Música da BRILAT (desprazamento, comida e seguro de responsabilidade civil) e un refrixerio para os costaleiros e membros colaboradores da Asociación.
Segundo manifestou esta mañá o Alcalde da Cañiza, Luis Piña “é unha honra para o Concello poder colaborar no desenvolvemento desta celebración litúrxica que ven festexándose dende tempos inmemoriais”. “Unha tradición con máis dun século de antigüedade que para todos os cañicenses ten un especial compoñente sentimental, relixioso, histórico, social e cultural e que na actualidade convoca a centos de devotos e visitantes no 2º domingo de xullo. Unha celebración que lonxe de perderse no tempo, perdura grazas ao esforzo e unión de moitas e moitos cañicenses”.
“Por este compromiso en prol do noso Pobo, dende o Concello queremos agradecer o grande traballo desenvolvido pola Directiva e os homes e mulleres que integran a Asociación Cultural Santo Cristo da Agonía, polos membros da Comisión de Festas e polos veciños e veciñas, comerciantes e empresarios que de forma anónima e altruista colaboran para enaltecer esta festividade que hoxe segue celebrándose con ilusión e devoción. Unhas grazas extensivas, por suposto á Parroquia de Santa Teresa da Cañiza e como non, á Coral Polifónica da Cañiza e á Banda de Música da BRILAT de Pontevedra”.
A devoción das xentes da Cañiza polo Santísimo remóntase a tempos inmemoriais. Aínda que descoñecemos a historia así como o principio da súa veneración no Templo Parroquial, sí sabemos con certeza que nun principio esta festa celebrábase o Domingo da Santísima Trinidad (polo mes de maio) pero debido ás constantes inclemencias do tempo, propias da época primaveral, que impedían a saída da Procesión, trasladouse a celebración litúrxica para o 2º domingo do mes de xullo e así se vén celebrando ata a actualidade.