A Cañiza | A presentación desenvolveuse nun acto conxunto organizado entre a asociación e o Concello da Cañiza e na que participaron os xinetes e organizadores e colaboradores do curro e o Alcalde da Cañiza Luis Piña. Ademáis contou coa presenza do fundador do Curro Castor Pablo Rodríguez.
Un acto co que a Asociación Cabalar quixo pechar as iniciativas desenvolvidas durante este verán, entre as que tivo un peso especial a celebración, despois de 12 anos, do Curro do Pedroso. Un evento que se desenvolveu o primeiro domingo de agosto nunha exitosa e soleada xornada, cargada de enxebrismo e emotividade.
Para pechar o calendario e anunciar a edición de 2024, a Asociación presentou o último venres de agosto “O Rito”. Un evento que ademáis contou coa colaboración do Concello da Cañiza, de Edito Fernández Gómez como director, de alumno/as do CB Cañiza e do Grupo Folk “Os do Cruceiro” da Cañiza, que se sumaron para organizar esta despedida cargada de símbolos e honras.
O Rito comezou ás 7 da tarde coa baixada a cabalo dos xinetes integrantes da Asociación Cabalar dende a montaña do Pedroso, descendendo cara ao núcleo da Cañiza para chegar á Casa do Concello. Emprazamento no que se desenvolveu o acto e no que esperaba o Alcalde Luis Piña.
Nas portas da Casa Consistorial o rexedor recibiu ao fundador do Curro, Don Castor Pablo Rodríguez Pérez, ao Presidente da Asociación, Pablo Alvarez e aos homes e mulleres da Asociación e veciños que quixeron compartir esta tarde do venres 25 de agosto.
Pasadas as 8 da noite comezou o acto cerimonial presentado por Verónica Rodrígues que tras dar a benvida e agradecer a asistencia do público, deu comezo ao acto, lembrando o particular vínculo que dende o inicio dos tempos une aos homes e aos cabalos.
Durante esta cerimonia, os símbolos do legado descenderon dende a montaña para ser entregados á máxima Institución, o Concello, co fin de ser preservados e custodiados na Casa de Todos.
E comezouse co elemento do “Ferro”. Un útil cabalar que representa a identidade dos animais e a propiedade dos mesmos. Gabriel Parente Lorenzo como encargado de manter vivas as tradicións do Curro do Pedroso durante a edición do 2023 e, por ser o máis novo, devolveu o Ferro ao Presidente da Asociación Cabalar Pedroso de Ribadil, Pablo Álvarez Soutelo.
Ao rematar, procedeuse á entrega da Bandeira da Cañiza. O símbolo da entrega da Bandeira do Concello da Cañiza, para conservar as tradicións, que representa o compromiso de preservar e honrar os costumes e valores de todo o municipio. Un símbolo transmisor da responsabilidade de protexer e promover a identidade cultural, fomentar o respecto e o valor das nosas tradicións.
Mónica Rodríguez: responsable nesta edición do Curro do Pedroso de protexer a tradición da Rapa das Bestas 2023, devolveu a Bandeira da Cañiza, facendo entrega da mesma ao Alcalde Luis Antonio Gómez Piña.
A continuación devolveuse a Bandeira de Galicia ao Concello. Un símbolo poderoso do compromiso da Asociación de protexer e divulgar as tradicións. Unha forma de preservar a nosa identidade cultural e promover o interese na nosa rexión.
A través deste xesto, se reafirmou o orgullo galego e a dedicación para manter vivas as nosas tradicións para as xeracións vindeiras. Pablo Álvarez Soutelo, Presidente da Asociación Cabalar Pedroso de Ribadil, devolveu a Bandeira de Galicia á institución.
No pregado e entrega das Bandeiras participaron algúns dos membros máis novos do CB Cañiza.
Rematada a entrega das mesmas, escoitouse o Himno de Galicia, interpretado dende o balcón da Casa Consistorial por un dos integrantes do Grupo Folk Os do Cruceiro da Cañiza.
O acto rematou coa presentación por parte da Asociación Cabalar Pedroso do Ribadil da nova edición do Curro do Pedroso para o ano 2024, que se celebrará o domingo 4 de agosto de 2024.
No seguinte enlace podedes ampliar ésta e outras informacións, con vídeos, imaxes e reportaxes de gran beleza paisaxística, nas que se pode admirar o alto valor natural da montaña do Pedroso, cos cabalos como protagonistas. Aquí deixamos o link da páxina de facebook do Curro do Pedroso
https://www.facebook.com/currodopedroso