A Cañiza completa as obras da rede de abastecemento de auga potable

Coa instalación dun novo caudalímetro no núcleo urbano

A Cañiza | O Alcalde Luis Piña informou esta mañá da finalización desta obra que consistiu na dotación e instalación dun equipo novo de medida de caudal na zona Leste (rúa Alvaro Cunqueiro) para continuar sectorizando a rede de auga de consumo, co obxectivo de minimizar as perdas de auga na nosa zona de abastecemento. Este novo caudalímetro súmase aos 4 colocados en 2023 na rede.

A obra cun investimento total de 40.376,00€, contou cunha subvención da Augas de Galicia da Xunta de 32.348,79€, o 80% do coste, aportando o Concello o 20% restante, 8.087,20€ de recursos propios.

Esta actuación, adxudicada á mercantil TESWATER GLOBAL SLU, tivo uns costes de execución material de 36.700,00€ aos que se engadiron 1.838,00€ de honorarios de redacción do proxecto e outros 1.838,00€ de dirección de obra e coordinación de seguridade e saúde. Honorarios adxudicados á empresa IMBERSO TECNOLOGÍAS SL.

Segundo comentou o Alcalde, o Concello pudo concurrir a esta axuda ao contar, dende novembro de 2022, cunha Auditoría en materia de abastecemento de auga, para a realización de actuacións para minimizar as perdas deste ben. A través desta auditoría puido realizarse un estudo da rede de auga potable, analizar todos os elementos que forman esta infraestrutura, determinar os volúmes de auga da rede (auga captada, suministrada e rexistrada) e como resultado: calcular os indicadores máis importantes da eficiencia da rede e as súas deficiencias.

A partir destes datos, diseñouse un Plan de actuación para minimizar as perdas nas que se recollen todas as medidas a adoptar e a súa programación. Para poder actuar de xeito rápido e eficaz ante incrementos moi elevados de caudal de auga consumido e detectar perdas, é necesario ter unha rede de distribución dividida en diferentes sectores, de forma que se poida ir acotando o tramo da rede por si existira algún problema, para poder reparalo á maior brevidade posible, sen que afecte a outros tramos do núcleo.

Así, na zona Este da Rede que coincide coa Rúa Alvaro Cunqueiro, instalouse o novo caudalímetro electromagnético DN125 PN16, canalizouse a toma eléctrica de alimentación do equipo de medida ata a ubicación do cadro de protección e mando e activouse a conexión de sinais do equipo ao sistema de telexestión /telemedida da rede existente no Concello.

A instalación deste caudalímetro permitirá tamén establecer estudos de eficiencia da rede ( rendemento hidráulico e perdas), na zona principal de distribución en alta do sistema de abastecemento da Cañiza que é o Depósito de Cabeceira de Portoaugavella, cunha capacidade de 3.000 m3.

O novo caudalímetro súmase aos 4 instalados o ano pasado no sector oeste ( rúa Carballo do Marco), sector noroeste ( depósito de Augas Férreas), sector sur ( Praza de Abastos- Rúa Antonio Facorro) e tamén sector este ( á saída do depósito de Portoaugavella cara ao polígono industrial Ribadil.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.