A Cañiza | O alcalde Luís Piña ven de anunciar que o pasado 17 de Marzo o Concello recibiu a notificación de concesión dunha subvención da Axencia de Turismo de Galicia de 30.000€ para a construción dun “observatorio nocturno e miradoiro interpretativo no Montouto”. Esta actuación está englobada na rede de observatorios nocturnos e miradoiros do Xeodestino Condado Paradanta.
Esta subvención é consecuencia da solicitude do Concello ao programa “axudas a concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas” procedemento que abriu o prazo de solicitudes o 17-02-2023 as 12:00, e que ía por orde de entrada. A solicitude do Concello da Cañiza rexistrouse as 12:15 dese día o que permitiu conseguir esta subvención.
A actuación require unha inversión de 80.896,76 €, e coa consecución desta subvención o Concello da un paso máis para poder crear un novo atractivo turístico que se sume á oferta do noso municipio. Para poder cumprir co rigor financeiro estase estudando as posibilidades que existan para conseguir os fondos necesarios do importe restante.
Este novo elemento turístico instalarase en parte da parcela 36013A01530116 situada no monte denominado “Alto Do Montouto”, cedida gratuitamente pola Comunidade de Montes Veciñais da Lamosa ao Concello da Cañiza por tempo indefinido. O acordo de aceptación desta cesión aprobouse no Pleno celebrado o pasado 1 de decembro de 2022.
Esta actuación contribuirá á difusión e desenvolvemento do astro turismo, de gran potencial na comarca. Desde el poderanse realizar múltiples actividades relacionadas co astro turismo, a astro fotografía e a observación do ceo profundo.
O Concello xa dispón dos permisos sectoriais necesarios, cos informes favorables do Servizo de Montes da Consellería do Medio rural, e da Directora Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.
Instalaranse catro portas orientadas a cada un dos catro puntos cardinais de xeito que todas sexan visibles dende as outras. No espazo interior definido por estes catro puntos instalarase o observatorio, delimitado polas pezas de formigón. Deste modo, os visitantes poderán gozar das imaxes suxeridas polas portas en distintas orientacións e perspectivas o que aportará un novo valor e atractivo a estas instalacións. O conxunto xerará una imaxe recoñecible, e certamente espectacular, dende o aire.
O Concello xa dispón do PEID das Tapadas
Para mellorar a comunicación co polígono industrial e reducir a presenza de vehículos pesados polas principais vías do casco urbano, a Alcaldía de Luís Piña propuxo a creación dun novo vial que servirá de circunvalación e facilitará a conexión do polígono coa Autovía A-52, e da EP 5005 A Cañiza- Crecente coa PO406 A Cañiza – Filgueira. Para poder realizar este vial é necesario modificar o Plan Xeral de Planeamento Municipal (PXOM) aprobado o 27/06/2003.
Esta modificación do PXOM, realízase mediante un Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID) o cal xa se arrancou coa redacción inicial. Contando xa con este documento inicial, se tramitará seguindo os pasos que recolle a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do Solo de Galicia.
Unha vez esté rematado o trámite deste PEID daráselle traslado á Consellería de Infraestruturas para que o estuden, solicitándolles a colaboración para a execución deste vial, como xa lle trasladou o Alcalde Luís Piña á Conselleira Ethel Vázquez na reunión que mantiveran o 20-05-2021.
O documento inicial do PEID implica a actuación nunha superficie de 7.580 m2, que inclúe vial, beirarrúas e carril bici. O documento estima o orzamento total en 894.440 €. Na tramitación deste documento tívose en conta a ubicación do skatepark e pumptrack que está en execución nestes momentos, ambas construcións serán perfectamente compatibles e complementarias. Este proxecto realizouse cunha visión xeral e de futuro para o noso municipio.
Nova área de lecer na “Irmandade da Miñoteira”
A alcaldía, seguindo a política de mellora das instalacións públicas, acondicionará a zona da Irmandade, en Valeixe, creando unha nova área de lecer que contará con zona de paseo, zona de xogos e zona de descanso, mellorando integralmente este espazo público.
Para seguir avanzando en proxectos de futuro, o Alcalde solicitou a redacción dun proxecto para a creación desta nova área á empresa GEOURBAN INGENIERIA AMBIENTAL Y URBANISMO S.L. Dispor dun proxecto maduro é fundamental para optar á financiación necesaria no momento no que se presente a oportunidade de obter subvencións doutras administracións.
Un proxecto de 261.898,28 € para crear un espazo lúdico único e senlleiro, pensado tamén para a integración dos nena/os con mobilidades reducidas. Dos 261.898,28 € do orzamento deste proxecto, 181.886,43 € corresponden ao orzamento de execución material, 23.645,24 € corresponden ao 13 % de gastos xerais, 10.913,19 € ao 6% do beneficio industrial e 45.453,42 € corresponden ao IVE.
O espazo lúdico creado xerará no lugar da Miñoteira un punto de encontro dentro da parroquia de Valeixe e das limítrofes, tanto para os máis cativos como para as persoas maiores, sendo un espazo de convivencia. A área de lecer proposta será compatible coas actividades e festas parroquiais que se desenvolvan na parcela.
A nova área de lecer contará cunha área de xogos de deseño que permita crear tanto zonas moi dinámicas como de sosego. O acceso á zona de actuación realizase dende a estrada EP-5003 A Cañiza-Arbo, que será a entrada principal dende onde parte a senda que nos levará ata a zona de xogos e as zonas de descanso.
Neste espazo queda garantida a accesibilidade universal, coa creación de todos os itinerarios accesibles. Ademáis, se instalarán redes de pluviais, drenaxe e de abastecemento para evitar acumulación de auga no parque infantil. O zona de xogos albergará xogos para diferentes idades. O parque infantil será accesible e con elementos inclusivos, coa integración de xogos habituais con xogos accesibles e adaptados para garantir o xogo para todos a/os nena/os. Proponse actividades variadas: deslizamento, trepa, escalada, xogo de habilidade, equilibrio, destreza, xogo grupal, e xogo accesible. Compleméntase con xogos tradicionais como randeeiras, balancíns e unha casiña para o xogo dos mais pequenos. Utilizaranse xogos de materiais naturais e duradeiros como robinia así como un pavimento de amortiguación de céspede artificial e garbancillo.
O parque disporá de dúas de zonas de descanso, formadas por dúas bancadas de formigón executadas “In situ” para o descanso dos mais pequenos e dos acompañantes. As zonas de descanso están marcadas polo deseño do mobiliario, disporán de zonas de sombra coa plantación de especies arbóreas autóctonas e arbustos ornamentais.