A Cañiza | O Concello ven de presentar no Cuartel da Garda Civil da Cañiza a terceira denuncia polos mesmos feitos, na mesma instalación. Unha denuncia que se suma á presentada o pasado 10 de setembro de 2020 e tamén o 7 de outubro de 2021.
Datas nas que os empregados do servizo de Augas Municipal atoparon saboteados os sistemas eléctricos desta instalación, cando realizaban as inspeccións diarias nos depósitos de cabeceira.
Estas tres denuncias se suman aos feitos acontecidos o pasado 18 de marzo deste ano, pola tarde, cando se declaraba un incendio nunha pequena parcela do monte que sube ao Pedroso, situada a escasos metros do Campo de Fútbol de Augas Férreas, calcinando completamente o sistema eléctrico da caseta nº 8 da rede municipal.
Esta caseta é unha das instalacións máis importantes do sistema hidráulico municipal porque nela confluen a metade dos nacientes e aportes de auga aos tanques de cabeceira.
O Concello aínda que non tiña probas de que fose intencionado, presentou tamén unha denuncia no Cuartel da Garda Civil por si poidera existir algunha conexión coas dúas denuncias anteriores de intento de sabotaxe ao servizo municipal de abastecemento de augas.
O Alcalde Luis Piña volveu a recordar esta mañá que o dano ás conduccións de aguas, a distracción do curso das augas e ao desabastecemento deste ben como produto de primeira necesidade está tipificado no código penal, xa que pode por en risco o subministro de auga potable ás vivendas do núcleo.