A Cañiza | Os Alcaldes da Cañiza, Luis Piña, e de Melón, Emilio Díaz, asinaron este mediodía o Convenio Intermunicipal entre Concellos para relanzar este camiño, sumido ata o de agora no esquecemento, con máis de 800 anos de historia e que comunica o interior de Galicia.
Unha colaboración intermunicipal que segundo manifestaron os dous Alcaldes se rubrica para avanzar xuntos e continuar colaborando sempre para favorecer os intereses das veciñas e vecinos dos dous municipios.
A sinatura deste convenio ten por obxecto enmarcar e coordinar a actuación de relanzamento turístico do camiño histórico que atravesa os municipios da Cañiza e de Melón “ENTRE ABADÍAS” camiño da Franqueira. A súa finalidade é potenciar o tecido económico e turístico dos dous concellos.
Acondicionar e sinalizar o sendeiro con recursos propios. Solicitar conxuntamente subvencións e axudas a outras administracións públicas ou empresas privadas para a realización de actividades de mantemento e investigación, culturais e deportivas, mantendo sempre o nexo de unión entre os dous municipios. Promocionar o camino en feiras de turismo, elaborar folletos informativos e desenvolver todas aquelas actuacións que teñan por obxectivo emponderar os territorios polos que transcorre este sendeiro medieval.
Camiño Medieval “Entre Abadías”
Nesta primeira fase que abordamos desde as administracións públicas, desenvolvemos un traballo intenso, con numerosas visitas de campo, durante todas as estacións do ano. Percibimos un grande interese veciñal pola posible reapertura do camiño, sendo coñecedores da súa importancia no pasado, da súa decadencia presente e do revulsivo turístico que pode ser no futuro inmediato.
Desde o Concello da Cañiza apréciase con claridade a oportunidade de potenciar o centro urbano e a zona turística “Carballo do Marco” así como o camiño de comunicación parroquial en Oroso.
No Concello de Melón a predisposición e colaboración é incondicional. Sen ningún tipo de traba e apostan con esta iniciativa por unha innovadora oportunidade para poñer en valor o seu valioso patrimonio histórico.
O camiño real na actualidade discorre desde as portas do consistorio de Melón, bordeando as murallas do mosteiro de Sta. María polo precioso núcleo-aldea de “A Ponte”, Curuxal, Costa de Cuco, Seoane.., San Benito de Burgo – Fonte Santa e entra na provincia de Pontevedra pola magnífica carballeira de O Barazal- xa na parroquia de Oroso, na Cañiza. Sempre silencioso e paralelo ás grandes infraestruturas de comunicación actual: Autovía A-52 e Nacional N-120.
Pasando á beira da reitoral de Igrexa-Oroso, entronca cara ao centro urbano – zona con todos os servizos – pasando polas rúas Vilanova, Oriente, Carmen e Botica. Entra á zona deportiva polo carreiro en terra de Cigarrosa. Desde a zona recreativa Carballo do Marco, o camiño continúa pola IGREXA DE SAN SEBASTIAN de Achas (asilo sacro) , pasando pola Ponte de Achas , Moledo de Sobradelo, Gabían, Cerdeiredo…polo camiño, taberna da Canda “vello” hasta “chan de Bidueiros”, moi preto xa do santuario da Franqueira.
Neste comunicado queremos destacar tamén a colaboración da Comunidade de Montes de Igrexa-Oroso, polos traballos de roza, limpeza e mantemento do camiño que une o núcleo da Presa co lugar de Xis – Abadía de Oroso. Esta actuación e traballo conxunto, ademais de potenciar o camiño medieval, permitiulles abrir unha vía de evacuación directa en caso de incendio ou emerxencia, creando unhas sinerxias que favoreceron os intereses e necesidades da institución e da comunidade de Montes.