A Cañiza | O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e o Concello da Cañiza renderon hoxe homenaxe á arquitecta Rita Fernández Queimadelos, a terceira muller en España en obter o título de Arquitecta en 1940. Ambas entidades celebraron un acto público conxunto para a posta en valor e visibilización dunha das pioneiras da arquitectura galega, a quen lle outorgaron o nome da actual Praza do Mercado da Cañiza, coa denominación “Praza arquitecta Rita Queimadelos”.
O decano do COAG, Luciano Alfaya, e o alcalde da Cañiza, Luis Piña, presidiron o acto no que se descubriu unha placa na praza, ao que tamén asistiron a súa filla, Rita Iranzo, acompañada de dous netos,a secretaria do COAG, María Pierres, e os arquitectos María Carreiro e Cándido López, autores do libro ‘Arquitectas pioneras de Galicia: ocho entrevistas’. Esta publicación foi editada en 2017 pola Universidade da Coruña (Grupo GAUS no marco do proxecto MAGA –Mulleres Arquitectas de Galicia–), no que se inclúe a traxectoria de Queimadelos a través do testemuño da súa filla Rita Iranzo, tamén arquitecta.
Luciano Alfaya agradeceu este xesto do Concello da Cañiza para louvar a traxectoria dunha arquitecta pioneira galega que “se converteu nun referente para moitas mulleres arquitectas que seguirían o seu exemplo contribuíndo a mudar os estereotipos de xénero”. Tamén sinalou que esta distinción supón unha das poucas ocasións nas que un municipio español enxalza a figura dunha muller arquitecta dándolle o seu nome a un espazo público, impulsando así un maior recoñecemento e presenza das arquitectas no rueiro.
O acto pechouse co descubremento da placa situada “na Praza máis céntrica do noso núcleo, no corazón da Cañiza” como así a describiu o Alcalde Luis Piña, “para situar á homenaxeada nun lugar preferente na nosa arquitectura urbana e outorgarlle a relevancia e importancia de todo o traballo que desenvolveu ao longo da súa traxectoria profesional”. O Alcalde pechou a súa intervención facendo un guiño a outra muller tamén importante na vida de Rita Fdez. Querimadelos “a súa avoa foi outro referente na vida de Rita, xa que, sen o seu apoio incondicional non podería ter cursado os estudos universitarios. A súa avoa Modesta foi quen de trasladarse con ela a Santiago para poder iniciar a carreira na Universidade. Polo tanto tamén a ela, que vivía na Cañiza, nunha casa na Rúa Progreso, lle debemos o éxito da protagonista da xornada de hoxe”.
Esta acción realízase para visibilizar o traballo das mulleres arquitectas no marco da celebración do 8M accións e do Plan de Igualdade do Consejo Superior de Colegios de Arquitectos de España (CSCAE).
Traxectoria profesional de Rita Fernández Queimadelos
Rita Eugenia Benedicta Fernández Queimadelos (A Cañiza, 12 de abril de 1911– Barcelona, 26 de setembro de 2008) é filla de Domingo Fernández y Fernández e de Modesta Queimadelos Vázquez, comerciantes e propietarios da mercería ourensá La Modernista, situada entre as rúas Calvo Sotelo e San Miguel. Durante a súa infancia e adolescencia reside entre Ourense e A Torre, lugar onde pasa os períodos vacacionais.
Instálase coa súa avoa materna, entre 1928 e 1930, en Santiago de Compostela para cursar na Universidade de Santiago dous anos de Ciencias Químicas e Ciencias Exactas, á vez que asiste á Escola Elemental de Artes e Oficios á materia de Debuxo. Durante este tempo, reafírmase na decisión de realizar estudos de Arquitectura, a pesar de non ter o apoio do seu pai.
A súa vocación parece deberse á influencia do seu avó, Eduardo Queimadelos Rivera, que exerceu como agrimensor na Cañiza, así como do contacto cos labores de carpintería que se realizan con frecuencia na súa casa da Torre. Así, co respaldo da súa avoa, alcanza o seu obxectivo e trasládase a Madrid en outubro de 1930 para cursar Arquitectura onde coincide con Matilde Ucelay Maórtua (primeira arquitecta titulada en España en 1936), María Cristina Gonzalo Pintor e con Lali Urcola, as únicas mulleres en estudar Arquitectura en España ao longo das catro primeiras décadas do século XX.
Desenvolve unha intensa actividade profesional desde que finaliza os seus estudos en 1940 ata a súa xubilación a mediados dos anos 70. A súa actividade profesional estrutúrase en dúas etapas, unha inicial en Madrid traballando en el Departamento de Arquitectura da Dirección General de Regiones Devastadas (DGRD), e unha segunda en Murcia.
Na súa primeira etapa na DGRD realiza, entre outros, unha serie de proxectos de vivendas en Carabanchel. A súa análise, realizado desde o estudo das referencias e modelos arquitectónicos previos, o lugar e a propia organización das vivendas proxectadas, permitirá reflexionar sobre as solución empregadas desde este organismo como resposta á urxencia de vivenda naqueles anos. Por outro lado, permitirá visibilizar a arquitectura cotiá, a través do estudo dos proxectos de vivendas elaborados pola arquitecta nos Carabancheles durante a súa primeira etapa profesional.
Realizou obras como o proxecto para a reconstrución e rehabilitación do refuxio da Nosa Señora do Pilar do Padroado de Protección á Muller (anteriormente Padroado Real para a represión da trata de brancas) de San Fernando de Henares (1944), que non chegou a levarse a cabo; unha ampliación da colonia Tercio e Terol en Carabanchel Baixo (1946); ou a reconstrución da antiga casa consistorial de Fuenlabrada (1946), actual centro xuvenil. En paralelo, realizou algunhas obras como profesional independente.
Xunto ao seu marido Vicente Iranzo Rubio e os seus seis fillos, trasládase a Murcia en 1955 onde inicia a segunda etapa do seu exercicio profesional. Durante as dúas décadas seguintes compatibiliza o exercicio libre a profesión con cargos de Arquitecto Escolar Provincial da rexión de Murcia entre 1960 e 1967 e de Arquitecto Municipal de Mula entre 1962 e 1967. Este período péchase en 1973 cando a familia se traslada a Barcelona.