A Cañiza | O Concello da Cañiza celebrou este domingo 20 de agosto o Xantar Popular na Carballeira Do Cacharado. Con esta actividade pechouse a programación da 57 Feira do Xamón.
Unha edición cargada de actividades desenvolvidas en torno ao xamón e que este ano se saldou como unha das feiras máis concurridas do verán galego.
Este domingo 20 de agosto pechamos as celebracións da Feira do Xamón 2023. Na Carballeira do Cacharado, cun xantar popular con sardiñas, churrasco de vitela da Paradanta e pan, viños e doces da zona e da comarca. Unha xornada de confraternidade na que se esgotaron todas as mesas e sillas postas en aluguer polo Concello (420 prazas) e amenizada pola charanga “Vai de Baile” e do grupo de pandereteiras da Asociación Cultural “Os Furafollas” de Oroso. A festa rematou ás 17h coa festa da escuma e inchables para os máis pequenos.
Pero a Feira do Xamón comezou xa o sábado 12 de agosto coas actuacións da Banda de Gaitas de San Xoan de Paramos de Tui e o concerto de María do Ceo.
Continuamos o 13 de agosto. O Concello conseguiu fabricar o bocata de xamón máis grande ata o momento. Unha barra de pan rústico, nunha soa peza de 19.5 metros de lonxitude. Ademáis conseguimos cortar a coitelo un só xamón nun lisco enteiro de 23 metros, nunha exitosa xornada na que ademáis estreamos un novo forno de pan. Unha orixinal estrutura única, de 6 metros de longo polo que transita o pan.
E tamén esa tarde os máis pequenos traballaron no obradoiro de pan infantil podendo fabricar pan, baixo a supervisión dos maiores e dando forma ás pezas máis orixinais.
E xa pola noite música a cargo da Banda Top Secret e a discoteca móbil Radikal.
O luns 14 de agosto entramos de cheo nas festas coa saída as 12 da mañá dos centenarios cabezudos da Cañiza que percorreron as rúas do centro ao son da música do Grupo de Santa Cristina de Valeixe.
Ás 19h deu comezo a máster class de corte de xamón e a cata de viño da mán do profesional xamoneiro e Director do Concurso Nacional de Corte de Xamón da Feira do 15 de agosto Víctor Burgos e do enólogo Juan González Arjones.
Unha actividade que tamén rematou desbordada e na que descubrimos os trucos para acadar os mellores liscos de xamón e aproveitar ao máximo o produto. O enólogo Arjones tamén adentrou aos participantes nos segredos das catas, descubrindo as variedades de viño da nosa zona e cómo maridalos co xamón, entre outras leccións.
Pola noite comezaron as verbenas coas actuacións do Grupo Alkar e a Orquestra Saudade.
15 de agosto: Xornada Gastronómica e Concurso Nacional de Corte de Xamón.
E o día 15 de agosto, festivo nacional, celebramos a 57 Feira do Xamón, nunha edición na que se desbordaron todas as previsións de asistencia de veciños, visitantes e turistas. A este respecto referiuse o Alcalde Luis Piña “dende o Concello e en nome de todos os cañicenses, queremos agradecer a confianza e a presenza multitudiaria do público nas nosas festas. Graza a todos por ter elexido A Cañiza como destino turístico no día máis grande e festivo de todo o ano. O 15 de agosto”.
A xornada gastronómica do 15 de agosto extendeuse durante todo o día dende a Carballeira do Cacharado, onde comezou a Feira, ata todos os establecementos hostaleiros da Cañiza, onde se continuou servindo o afamado xamón.
As racións do stand oficial do Concello servíronse a 7€ a ración en calquera das especialidades ( curado, asado, en tortilla, empanada e xamón empanado) con pan, auga e un vaso de viño da nosa terra. Excelentes albariños brancos da D.O. Rías Baixas, das prestixiosas adegas Eido da Fonte e Terras de Abelán que tamén estiveron presentes na Feira con stand propio cos seus mellores e premiados caldos. As 11 deu comezo o VIII Concurso Nacional de Cortadores de Xamón na que participaron 12 dos mellores cortadores de xamón de España e ás 12 o desfile dende a Casa Consistorial ata a Carballeira, encabezado polo tradicional carro galego, cargado de xamóns e tirado polos bois de Mario Nogueira.
Participaron tamén no desfile os cabezudos, o/as neno/as ataviado/as co traxe rexional portadores das bandexas cos pinchos de xamón, a Corporación e demáis invitados. E acompañando o desfile o grupo de Gaitas da Asociación Cultural Santa Cristina de Valeixe que se sumaron aos acordes do Grupo de Gaitas “Barallocas” da Cañiza e da Charanga “Noroeste”. A xornada do 15 rematou cunha grande verbena a cargo do grupo La Nave e da orquestra Gran Parada.