A Cañiza | Como vén sendo costume nos últimos anos, o restaurante “Os do Resero” foi o escenario da presentación da LVIII edición da Festa do Xamón da Cañiza, que se celebrará o 15 de agosto na Carballeira de Cacharado e que consolida a este municipio da Paradanta como un referente a nivel galego e incluso ibérico.
No acto de presentación estiveron presentes o anfitrión, o Alcalde Luís Piña, acompañado dos seus homólogos do Covelo, Pablo Castillo, tamén presidente da GDR Condado-Paradanta; da Câmara Municipal de Melgaço, Manoel Batista (quen será o primeiro presidente da recén constituída Eurocidade do Miño, segundo adianto o propio Luís Piña); e de Melón, Emilio Díaz, ademais da tenente de Alcalde de Vigo Elena Espinosa, e de Víctor Barros, un dos responsables da organización destas Festa-Feira, fundador da Asociación de Cortadores de Xamón de Galicia e director do IX Certame de Cortadores de Xamón.
Piña salientou que esta edición contará con máis de 70 actividades e novidades gastronómicas como as Croquetas de xamón, mantendo o prezo de ración (7€) do ano pasado con viño Albariño Denominación Rías Baixas, cuxas adegas Eido da Fonte e Abelán tamén estiveron presentes, e sorte incluído de tres xamóns.
Pola súa banda, Espinosa celebrou este evento porque “pón en valor o xamon da Cañiza” como un “típico exemplo de xeración de riqueza” agrogandeira e gastronómica.