A Cañiza | O Concello da Cañiza leva a cabo o proxecto “A Cañiza, Capital do Xamón”, unha iniciativa que forma parte das actividades do Plan de Sostenibilidade Turística en Destino “Condado Paradanta enogastronómico”, desenvolvido polo GDR do Condado Paradanta e financiado polos fondos Next Generation da Unión Europea.
Esta mañá tivo lugar a primeira reunión de traballo no Concello para avanzar no desenvolvemento das actuacións turísticas e gastronómicas da Cañiza contempladas dentro deste PSTD.
Así co comunicou o Alcalde Luis Piña, tras a reunión mantida co Xerente do GDR, Paco González e Santiago Paz, da consultora «Dos Espacios» de Vilagarcía de Arousa, gañadora da licitación para a asistencia externa deste PSTD.
O Plan de sostenibilidade, impulsado pola Xunta de Galicia e financiando con Fondos Next Generation, a través da convocatoria extraordinaria aberta do Goberno central en 2022, conseguiu unha financiación de millón e medio de euros para todo o territorio do Condado e A Paradanta, dos que A Cañiza percibirá 97.000,00€ para desenvolver o proxecto “A Cañiza, capital do Xamón”.
Unha actuación que estará rematada en 2026 e que “permitirá dotar nun local municipal dun espazo demostrativo, expositivo e de formación con obradoiros sobre todo o relacionado co xamón, onde os visitantes poderán coñecer e desfrutar do noso producto máis afamado, enriquecendo así a oferta museística”, afirmou o Alcalde tras a reunión.
Dentro desta actuación tamén se valorará a posibilidade de crear un Club de produtos turísticos sobre o xamón da Cañiza da man da hostelería local.