A Cañiza | O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, avanzou ao alcalde da Cañiza, Luis Antonio Gómez Piña, a aprobación na vindeira xunta de goberno deste venres dunha subvención de 96.600 euros ao abeiro da Liña 1 do Plan +Provincia para a reforma do pavimento deportivo, cerramentos e iluminación das pistas de tenis municipais.
Neste sentido, o mandatario provincial informou tamén dun investimento de 1,3 millóns de euros da Deputación neste Concello a través de programas como o +Provincia, o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas ou o PON2030. Ambos os dous dirixentes mantiveron este martes un encontro institucional no despacho presidencial do Pazo provincial no que trataron outros asuntos de interese mutuo para ambas as institucións.
“Todo o conxunto de proxectos do +Provincia que presentou o Concello da Cañiza xa se lle deu saída para que poidan ser unha realidade o máis axiña posible”, afirmou o presidente ao remate da reunión.
Ademais da intervención nas instalacións de tenis municipais, ao abeiro do Plan +Provincia, a Deputación destinará este ano un total de 640.700 euros ao Concello da Cañiza, que supoñen un incremento de máis de 57.500 euros con respecto ao ano anterior.
Uns fondos cos que, no correspondente á Liña 1 de investimentos, levaranse a cabo accións como o acondicionamento do ximnasio do pavillón (77.000€), o observatorio nocturno e miradoiro interpretativo no Montouto (56.400€), a mellora de camiños municipais nos Bueixos e As Grades (23.700€), o saneamento en Guncián e Petán (31.300€) ou a xeración eléctrica fotovoltaica para a piscina municipal (81.600€). No tocante á Liña 2 de apoio ao gasto corrente, a Cañiza recibirá uns 151.000 euros; mentres que da Liña 3 para o fomento do emprego, percibe 123.000 para a contratación de 11 traballadores.
No tocante ao Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, o Concello da Cañiza recibirá 45.560 euros da Deputación para executar por completo a ampliación da cuberta das pistas de pádel. Do mesmo xeito, ao abeiro do PON2030 a Deputación levará a cabo o acondicionamento e mellora da eficiencia enerxética do campo de fútbol de Augas Férreas, un proxecto valorado nuns 600.000 que a Deputación financia ao 100 % a través deste programa, coa achega de 480.000 euros; e do Plan +Provincia, que aporta os 150.000 restantes. Así mesmo, a través do ReacPon a Deputación colabora coa achega de máis de 100.000 euros á mellora da rehabilitación enerxética da piscina municipal, obra valorada en 814.000 euros.
A colaboración entre a Deputación e o Concello da Cañiza fai posible tamén a recuperación da contorna da antiga Ponte das Achas. Unha obra que xa está en marcha e na que o organismo provincial aporta a maior parte do orzamento, que ascende a 380.000 euros. Uns 287.000 euros correspondentes ao 70 % do total da obra de acordo co establecido no convenio e uns 86.300€ a través do Plan Concellos para cubrir o 70 % da achega municipal.
A reunión, que se enmarca na serie de encontros institucionais que Luis López está a manter con alcaldes e alcaldesas de toda a provincia, transcorreu nun clima de cordialidade e lealdade institucional. “Foi unha xuntanza frutífera e satisfactoria”, sinalou o rexedor Luis Antonio Gómez Piña. “Os alcaldes son os que coñecen as necesidades dos seus municipios, polo que a cooperación e a lealdade é máxima co Concello da Cañiza”, recoñeceu o presidente Luis López, que emprazou ao rexedor a unha nova reunión para tratar temas de futuro e de interese mutuo.