A Cañiza | O Alcalde Luis Piña visitou esta mañá a nova instalación deportiva, situada no complexo da casa de cultura, piscina climatizada e ximnasio municipal, acompañado dos Concelleiros de Goberno Mª José Rodríguez, Paula Bacelar, Miguel Anxo Gómez, Rubén Muiños e Eva Mª Rivas, así como da coordinadora das instalacións Yolanda Estévez.
O Alcalde anunciou que tamén está a piques de licitarse a obra de construción da cuberta desta pista cun investimento total de 58.141.77€, por procedemento de contrato aberto simplificado, cun investimento de execución material de 54.632,77€. Unha nova actuación que conta tamén con 2 axudas da Deputación de Pontevedra: 45.560,08€ a través do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas e 12.581,69€ do Plan +Provincia 2024.
O Alcalde e os Concelleiros de Goberno visitaron hoxe esta nova pista que ven a completar a oferta deportiva na disciplina de pádel, e que contou cunha axuda de 42.997,08€ da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, a través das subvencións dirixidas a Concellos para a construcción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas para os anos 2023/24.
Unha actuación cun investimento total de 42.997,08€ desagregados en 27.761,54€ de execución material, 3.609,00€ do 13% de gastos xerais, 1.665,69€ de beneficio industrial e outros 6.937,61€ de Ive. A estes costes sumáronse 1.343,66€ de honorarios de redacción do proxecto constructivo, 1.343,66€ de dirección de obra e por último outros 335,92€ de honorarios de coordinación de seguridade e saúde. Así o explicou esta mañá o Alcalde quen tamén informou que a obra foi adxudicada á mercantil Construcciones Lemos Martínez S.L. por un importe de 39.840,00€. Esta segunda pista deseñouse axustándose ás medidas regulamentarias da Federación de Pádel o que permite o desenvolvemento de calquera tipo de campionato oficial.
As obras acometéronse nun solar municipal a carón da pista de padel cuberta existente, nun lateral da Casa de Cultura da Cañiza. Segundo manifestou o Alcalde tras a visita, a construción desta 2ª pista estivo xustificada pola alta demanda de xogadores que solicitaban utilizar a instalación deportiva, o que fixo necesario ampliar a oferta. Esta actuación desenvolveuse partindo da existencia dunha base de cimentación executada cando se construíu a 1ª pista de pádel, prevista para continuar coa estrutura deportiva, coas dimensións adecuadas.
Sobre esta cimentación aplicouse un pavimento de céspede artificial específico para a práctica de pádel en cor azul. Ademáis pechouse perimetralmente o campo de xogo cunha estructura metálica e aplicouse vidro tépedo transparente ás paredes cegas da pista. Por último colocouse a rede regulamentaria para a práctica deste deporte.
En palabras do Alcalde a importancia que “a nosa Gobernanza está dando á promoción do deporte xustifica as melloras, reformas, acondicionamentos e mesmo construción de novos espazos deportivos e de ocupación do tempo libre, considerando que o deporte non solo é unha actividade que realizamos con obxectivos recreativos, senon que tamén nos reporta unha mellora na saúde física e mental e melloras na socialización. No caso dos máis xoves facilita o éxito no ámbito académico e ten a facultade de converterse nunha ferramenta para desenvolver o carácter e para erradicar os problemas sociais”.