Ponteareas | A Casa Cultural de Arcos advertíu hoxe que o Goberno Municipal do Concello de Ponteareas está poñendo en perigo unha subvención da Xunta de Galicia á asociación veciñal para a instalación de placas fotovoltaicas no edificio da Casa Cultural desta parroquia.
O Presidente da Casa Cultural, Roberto Mera, explicou que no mes de marzo a Xunta convocou axudas para Concellos e asociacións sen ánimo de lucro para este tipo de instalacións. “Comunicámosllo ao Goberno Local para que solicitasen unha subvención que cubría o 60% dos custos, pero respostaron que non a pedirían por carecer de fondos para cubrir o 40% restante”.
Diante desa negativa do Goberno Municipal, explica Mera, “informamos aos responsabeis municipais de que a subvención a pediríamos nós como asociación e que nos faríamos cargo de porcentaxe non subvencionada”.
Dende entón o INEGA da Xunta tramitou a nosa solicitude. A asociación presentou na Xunta o Convenio de Cesión de Uso da Casa Cultural ao seu favor por parte do Concello en 2011 por 25 anos, até 2036. En dito convenio recóllese que todas as melloras que durante a cesión se produzan no edificio, que é de propiedade municipal, redundarán en beneficio do Concello e, no caso de realización de obras, debemos obter a previa autorización do Concello.
Por ese motivo, a Xunta requiríu á Asociación para achegar esa autorización municipal. A Casa Cultural solicitou dita autorización o 13 de agosto e case dous meses despois non recibimos ningunha resposta, como ven acontecendo con todas as peticións que vimos realizando dende hai meses.
O pasado día 30 de setembro o INEGA da Xunta urxíu á Casa Cultural a presentar de inmediato esa autorización para poder resolver a nosa solicitude de subvención. O día 1 e 2 de outubro, a Asociación presentou escritos no Concello reclamando de forma urxente esa autorización, sen que se producira resposta algunha.
Dende os servizos municipais achacouse a falta de resposta á imposibilidade de contactar coa Alcaldesa, quen sen embargo recibíu persoalmente esa solicitude xa o 13 de agosto sen atendela até hoxe.
“Dende os servizos municipais achacouse a falta de resposta á imposibilidade de contactar coa Alcaldesa”
O proxecto de instalación de placas fotovoltaicas na Casa Cultural de Arcos contempla a colocación de 29 placas, cunha previsión de produción de 23.883 Kw/h e un orzamento de 12.400 euros podendo recibir a Casa Cultural até un 60% en concepto de subvención, é dicir, 7.440 euros, que agora están en risco polo “anormal funcionamento do Concello”. O gasto eléctrico da Casa Cultural supera os 6.000 euros anuais, polo que a instalación de placas fotovoltaicas suporá unha redución enorme dese gasto que asume en exclusiva a veciñanza.