Ponteareas | A Xunta de Galicia, a través do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) acordou conceder a subvención solicitada pola Casa Cultural de Arcos para a instalación de 29 placas fotovoltaicas no edificio ubicado nesta parroquia ponteareá.
A financiación da subvención correspóndese con fondos comunitarios derivados do Programa Galicia FEDER 2021-2027, outorgándose o 60% do custo do proxecto e facéndose cargo o solicitante da subvención do 40% restante.
A Casa Cultural de Arcos presentou un proxecto para a instalación de 29 placas de enerxía fotovoltaica, cunha previsión de produción de 23.883 Kw e cun orzamento de 12.400 euros, recibindo unha subvención de 7.440 euros.
O Presidente da Casa Cultural, Roberto Mera, amosou a súa satisfacción pola concesión da axuda, pois desa maneira “a Casa Cultural de Arcos contribúe co seu gran de area na loita contra o cambio climático, dotando ao edificio dunha fonte de enerxía limpa e renovábel, e ao mesmo tempo consegue un aforro económico importante que nos permitirá mellorar máis as nosas instalacións, a nosa actividade e a programación cultural que vimos desenvolvendo dende hai xa 10 anos”.
Mera salientou o esforzo que realiza a parroquia de Arcos, “posto que seremos nós os que teremos que afrontar o 40% do investimento, é dicir, preto de 5.000 euros, xa que o Concello se negou a solicitar a subvención en marzo pasado alegando que non tiña capacidade para facer fronte a eses 5.000 euros”.
A Asociación lembra que o edificio da Casa Cultural é propiedade municipal. O seu uso está cedido á parroquia por convenio, facéndose cargo a Asociación de todos os gastos de mantemento, entre eles uns 6.000 euros anuais de electricidade. Ademais, en 2014 a Comunidade de Montes investíu máis de 130.000 euros en crear todo o espazo que rodea a Casa Cultural conformado por unha ampla praza con pérgola, aparcamentos, pista deportiva, zona verde, parque infantil e merendeiro.