Salceda de Caselas | O concello de Salceda de Caselas ven de finalizar nas últimas semanas as obras de rehabilitación da casa de Fontán, de titularidade municipal que se destinará ao alugueiro social.
Esta actuación dirixida dende a alcaldía e a concellería de Benestar Social supuxo un investimento de 80.565,71 euros financiados parcialmente polo Instituto Galego da Vivenda e Solo coa contía de 40.000 euros.
As obras de rehabilitación tiveron como obxectivos fundamentais a mellora da funcionalidade e accesibilidade para favorecer as condicións de habitabilidade da futura vivenda. Mudáronse as dimensións e distribucións das súas estancias interiores para que a vivenda conte cun recibidor, unha sala de estar-comedor, dous dormitorios, e un cuarto de baño. Substituíuse o piso da vivenda e o tellado, mellorouse o illamento da fachada e da cuberta e mudouse a carpintería de madeira interior e instaláronse dobres fiestras co que mellorou a envolvente térmica da edificación.
A rehabilitación completouse coa instalación dun sistema de calefacción e producións ACS e un sistema de ventilación xunto coa colocación dun sistema de illamento contra o gas radón.
Ángela Ledo Souto concelleira de Benestar Social: “O remate desta rehabilitación ofrécenos a posibilidade de poñer a disposición da veciñanza un recurso fundamental como é a vivenda e cumprir cun dos nosos compromisos fundamentais dende a concellería de benestar social”.
Verónica Tourón alcaldesa: “A rehabilitación da vivenda de Fontán supón unha actuación máis de valorización dos inmobles e instalacións municipais, que aproveitamos para dotar dun uso tan importante e necesario como o de prover de vivenda a través do aluguer social. Esta liña de traballo de rehabilitación e conservación das instalacións municipais supón un importante esforzo do departamento de urbanismo para por a disposición da veciñanza servizos inexistentes ata o de agora.