A mostra durará dúas semanas e inclúe talleres en directo para os asistentes que o desexen
Madrid | Dende o mércores día 3 ata o domingo 14 deste mes, a Sala B da Casa de Galicia acollerá a exposición de palillos e patchwork, realizada en colaboración co Centro Galego de Móstoles. A mostra, que exhibe preto dun centenar de pezas elaboradas de forma artesanal, contará tamén con talleres en directo que as socias do Centro ofrecerán in situ, de forma gratuíta, a cantas persoas mostren interese, especialmente os xoves e venres.
No acto de inauguración interviñeron a coordinadora de Actividades da Xunta en Madrid, Ana Rodríguez Barrena, quen pronunciou unhas palabras de benvida en nome do delegado, -por encontrarse de viaxe-, e o presidente do Centro Galego de Móstoles, Francisco Rodríguez Santiago.
Na súa intervención, Ana Rodríguez explicou que “Os encaixes de palillos, se coñecen en toda Galicia, e en moitos lugares do mundo como encaixe de Camariñas, por ser as mulleres desta vila as que conseguiron facer perdurar a fama dos finos traballos que veñen realizando dende hai séculos, e que, non obstante, desapareceron noutros puntos do litoral galego”. Comentou tamén que “Ás mulleres, e por que non aos homes, que realizan estes traballos, se lles coñece como palilleiras/ros polo manexo dos palillos -que son os bolillos en castelán- e se coñece como palilladas ás reunións, nas casas ou nalgún outro lugar común, para facer o encaixe. Pois ben nesta exposición, non só se recolle a mostra dos traballos creados polos membros do Centro Galego de Móstoles, senón que se trata dunha mostra viva, na que os xoves e os venres van funcionar as palilladas que habitualmente se imparten en Móstoles, e que estarán abertas a todos aqueles que queiran coñecer ou perfeccionar a técnica no encaixe de palillos”.
Pola súa banda, Francisco Rodríguez, comentou entre outras cuestións o gran desenvolvemento e acollida que historicamente tiñan os encaixes dende o Século XVI inmortalizados por Velázquez no XVII “cos fabulosos colos e puños de moitos dos personaxes retratados”. Recordou tamén que se hai un nome en Galicia que evoca o encaixe, é sen dúbida Camariñas, “pobo cuxa actividade está ligada ao mar, -conta cunha conserveira de máis de 125 anos de historia- pero onde os encaixes teñen nome propio, son reclamo para o turismo e un importante peso na súa economía”. A Camariñas acoden cada ano as profesoras de palillos de Móstoles para “estar ao día de técnicas e deseños” e así poder incorporar ás súas ensinanzas as novidades que se produzan nesta arte, comentou Rodríguez Santiago.
Entre os obxectos expostos na Casa de Galicia encóntrase unha ampla colección de abanos, chales, panos, fulares, panos de mesa, ligas de noiva, bolsos, manteis, mantillas…
Destacan especialmente, polo seu traballo e complexidade, un chal de seda e un calendario de advento cuxo valor supera os dous mil euros cada peza.
O Centro Galego de Móstoles creouse en 1997 co obxectivo de reunir os galegos da zona sur da comunidade de Madrid. En canto aos palillos, a entidade foi pioneira en promover clases desta materia, que tiveron sempre unha grande aceptación, non en van tamén o Centro Galego organiza na localidade os Encontros de Palillos que se celebran, a nivel local, autonómico e nacional. Alumnas e profesoras do Centro Galego de Móstoles acoden tamén a outras citas por toda a xeografía española, Cuenca, Guadalajara, Toledo, Zaragoza… onde as palilleiras intercambian e amplían coñecementos, técnicas e formación sobre todos os aspectos desta delicada actividade.
Na exposición na Casa tamén hai pezas de Patchwork, ou a palabra española sinónima Almazuela, (que provén do árabe almozala ou almozaia, de almoçala, alfombra), resultado da unión de pequenas pezas. Inicialmente estes traballos facíanse para “reciclar” restos de teas ou recortes de pezas xa usadas pero na actualidade converteuse nunha auténtica arte que ten millóns de seguidores en todo o mundo.